Skip to main content

Quintana anuncia a creación da Axencia Galega de Autonomía Persoal para coordinar as políticas da Xunta no relativo a persoas con discapacidade

O vicepresidente da Igualdade e do Benestar, Anxo Quintana, adiantou a creación dunha Axencia Galega de Autonomía Persoal que servirá para coordinar os esforzos dos distintos departamentos da Administración autonómica no relativo a persoas con discapacidade. Quintana anticipou a posta en marcha deste proxecto aos representantes da Coordenadora de Minusválidos de Galicia, da Federación de Persoas Xordas e da ONCE, cos que se reuniu.

A posta en marcha da Axencia Galega de Autonomía Persoal enmárcase dentro do Plan de Acción Galego para Persoas con Discapacidade, deseñado dende a Vicepresidecia da Igualdade e do Benestar e que ten coma obxectivo unificar criterios e marcar unha dirección no deseño das planificacións para atender ás demandas dos galegos e galegas con discapacidade. Fronte ao xeito fragmentario e residual co que ata o momento se abordaban estas políticas, a dinámica de traballo que se está a adoptar dende a Vicepresidencia supón a implicación de distintos departamentos da Administración, coa formulación de liñas de actuación nos campos de servizos sociais, sanitarios, educación e traballo, así como de planificación urbanística dos espazos. Dende esta concepción transversal das políticas sociais faise necesaria a creación desta Axencia a fin de unificar o traballo e axilizar a xestión dos recursos e programas.

Federación de Persoas Xordas

Na reunión, os representantes da Federación de Persoas Xordas de Galicia explicáronlle ao vicepresidente o funcionamento, os obxectivos e os apoios cos que conta o seu colectivo. O presidente, Feliciano Sola, presentou a Quintana o plan de necesidades que no ámbito dos servizos sociais teñen as persoas que son xordas. O vicepresidente da Igualdade e do Benestar comprometeu o apoio do novo Goberno galego e explicoulle a intención da Xunta de asumir as competencias, como propia administración que é, para traballar cos colectivos de discapacitados.

Os representantes da Federación tamén conversaron sobre os problemas actuais das persoas que son xordas. Entre eles, falaron con Quintana da barreira que supón que o 90% da poboación xorda non use nin domine o galego, posto que foron educados en castelán. Así, consideran moi importante eliminar este analfabetismo na lingua. Neste campo tamén reclamaron ao vicepresidente o seu apoio para que o Parlamento galego aprobe a Proposta non de Lei de recoñecemento oficial da lingua de signos en Galicia e pediron a Anxo Quintana que medie para que no novo Estatuto galego se recolla a lingua de signos coma unha das linguas do Estado.

Coordenadora de Asociacións de Minusválidos de Galicia

O vicepresidente tamén recibiu aos representantes da Coordenadora de Asociacións de Minusválidos de Galicia, na que foi a primeira toma de contacto con este colectivo co gallo de coñecer os proxectos e preocupacións do movemento asociativo. No encontro, Quintana mostrouse moi interesado en impulsar todas as iniciativas que teñan que ver co transporte adaptado, así coma as que incidan en formación e emprego.

ONCE

Quintana tivo ademais un primeiro encontro de carácter institucional co delegado territorial da ONCE en Galicia, Eugenio Ferradás, e coa presidenta, Dolores Venancio. Nesta audiencia, acordaron continuar desenvolvendo o convenio marco de colaboración entre a administración e a Organización Nacional de Cegos, poñendo en marcha con carácter prioritario as accións referidas ao emprego para discapacitados, a formación e a terceira idade.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia