Skip to main content

A Vicepresidencia quere implicar aos concellos na xestión dos servizos sociais mediante fórmulas de cooperación e coxestión

O Vicepresidente da Igualdade e do Benestar, Anxo Quintana recibiu no seu despacho ao alcalde de Antas de Ulla, o popular Javier Varela Pérez e ao de Brión, o independente José Luís García García. Estes encontros enmárcanse na política da Vicepresidencia de “implicar aos concellos na xestión dos servizos sociais”, empregando, para elo, fórmulas de “cooperación” e “coxestión”.

Anxo Quintana quere manter unha “intensa rolda de contactos” con todos os alcaldes de Galicia para artellar as claves da Vicepresidencia de “coxestión” e “corresponsabilidade”, de xeito que, os concellos se impliquen na provisión dos asuntos sociais nas áreas que son competencia da Vicepresidencia.

Precisamente en torno a estes asuntos xirou a reunión que o Vicepresidente mantivo co alcalde de Brión, José Luís García García que se amosou moi receptivo a esta proposta de coxestión entre o concello que dirixe e a Vicepresidencia.

José Luís García apuntou que é necesaria esta colaboración entre o seu Concello e a Vicepresidencia na xestión do centro da terceira idade, da gardería infantil e na prestación dos servizos sociais. Esta xestión conxunta podería plasmarse, segundo declaracións do alcalde de Brión, na “firma dun convenio de colaboración entre ambas administracións”, de xeito que se garantan fondos para o mantemento e bo funcionamento destes servizos, “sen ter que depender das subvencións que se renovan anualmente”.

Peticións do alcalde de Antas de Ulla

O alcalde de Antas de Ulla, Javier Varela Pérez, plantexou ao Vicepresidente a necesidade de construír na súa vila un “macrocentro” para enfermos de alzheimer e de rematar as obras para converter os apartamentos tutelados en residencias da terceira idade para asistidos.

O rexedor de Antas amosouse “optimista” co encontro xa que a receptividade do Vicepresidente foi, dixo, “boa”. Javier Pérez aproveitou a visita para convidar a Anxo Quintana á celebración da Festa dos Maiores, que terá lugar en Antas de Ulla o día dez.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia