Skip to main content

O número de cotizantes á Seguridade Social incrementouse en 28.600 persoas en Galicia no último ano

O número de afiliados á Seguridade Social en Galicia aumentou en 28.600 persoas dende setembro de 2004, o que representa unha suba interanual en termos porcentuais do 2,91%. Así, a cifra en termos absolutos de afiliados de todos os réximes ascende dos 981.308 de setembro do pasado ano a 1.009.908 rexistrados en setembro de 2005.

O aumento interanual de cotizantes produciuse tanto no réxime xeral, con 25.011 altas máis que en setembro de 2004, o que representa un incremento do 3,59%, como no réxime de autónomos que rexistra unha subida do 2,90%, o que en termos absolutos supón un total de 5.158 afiliados máis que hai doce meses. O único réxime que sufre un descenso na taxa interanual é o correspondente ao agro, no que o número de cotizantes reduciuse nun total de 3.486, é dicir un 5,66% menos que en setembro do pasado ano.

O número de afiliados sube neste período en todas as provincias galegas, sendo Pontevedra, cun 3,78% a que rexistra un maior incremento no número de novos afiliados, en total 13.194 cotizantes máis que hai 12 meses. Tras Pontevedra sitúase A Coruña con 10.379 novos inscritos, é dicir, 2,57% máis que en setembro de 2004. Lugo, cun incremento de 2.876 afiliados (2,32%) e Ourense cunha suba de 2.151 (2,06%) pechan a lista.

Evolución Anual

No que vai de ano prodúcese un incremento de 42.643 cotizantes en todos os réximes da Seguridade Social, o que representa en valores relativos un aumento do 4,41%, pasando de 967.265 cotizantes en decembro de 2004 a 1.009.908 en setembro de 2005.

O aumento que se está a producir neste ano reflíctese fundamentalmente no réxime xeral cun aumento de 38.698 inscritos, o que se traduce nun 5,66%. No réxime de autónomos o incremento de afiliados en termos absolutos é de 4.293, é dicir, un 2,40% máis que en decembro de 2004.

O único réxime no que se rexistra un descenso no número de persoas inscritas á Seguridade Social é o que corresponde ao réxime agrario, no que se detecta unha baixada de 2.540 cotizantes, o que en termos relativos representa un descenso do 4,16%.

Evolución Mensual

No mes de setembro destaca o incremento do número de cotizantes do sector agrario que aumenta a inscrición en todas as provincias, agás Lugo. Prodúcese así unha suba total de 289 afiliados, o que en termos relativos supón un 0,50% máis que no mes de agosto.

O réxime especial de autónomos rexistra igualmente un aumento en todas as provincias, cun incremento do número de inscritos de 130 persoas, é dicir, un 0,07% cotizantes máis que no mes de agosto.

Pola contra o réxime xeral da Seguridade Social sufre un descenso no número de afiliados no mes de setembro con respecto ao mes de agosto en todas as provincias, cun total de 4.047 afiliados menos, é dicir un 0,56%.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia