Skip to main content

Méndez Romeu confirma a Torres Colomer que a Xunta presentou no Ministerio de Xustiza unha alegación para crear o Rexistro de Propiedade de Ribeira

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, reuniuse co alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer a quen informou de que a Xunta de Galicia xa presentou no Ministerio de Xustiza unha alegación para crear un rexistro de propiedade nese concello.

O titular da Consellería, tras a reunión que mantivo con Torres Colomer, indicou que Ribeira é un dos maiores concellos da provincia da Coruña e mesmo de Galicia, e que precisa un servicio destas características, tanto polo seu volume de inscricións rexistrais como polo seu movemento económico xa que, segundo destacou, trátase dunha localidade cun “dinamismo empresarial, económico e inmobiliario moi notable”. Na actualidade, os ribeirenses deben desprazarse ata o rexistro situado en Noia para efectuar as súas xestións, segundo explicou.

Sen perxuizo para outras localidades

“Estaremos atentos ata que se consiga este obxectivo, que é bo para toda a sociedade, non só para Ribeira, para conseguir un funcionamento máis doado dos rexistros da propiedade”, asegurou Méndez Romeu, quen sinalou tamén que a creación deste rexistro non suporá un perxuizo para as demandas doutras localidades.


Así mesmo, o conselleiro declarou que o goberno galego seguirá facendo fincapé nesa petición, que lle trasladará persoalmente ao ministro de Xustiza, Juan Fernando López Aguilar, na súa próxima visita a Galicia.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia