Skip to main content

José Luis Rodríguez Zapatero e Emilio Pérez Touriño salientan o compromiso do Goberno español co Noroeste peninsular e coas zonas necesitadas de máis apoio

O presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero, e do Goberno da Xunta, Emilio Pérez Touriño, coincidiron en salientar o esforzo do Goberno de España co noroeste peninsular e con aquelas zonas máis necesitadas de apoio. Durante a súa visita ás obras que se están a realizar no Parque do Miño, en Lugo, o mandatario español manifestou tamén o seu pleno apoio á Comunidade galega e, en particular, ás zonas da Galicia interior.

José Luis Rodríguez Zapatero salientou que está na Comunidade galega para reiterar os seus compromisos e cumprir coa palabra dada. “Estou aquí para reiterar o compromiso con Galicia, con Asturias, con Castela León, co noroeste de España, compromiso que non son só palabras, senón que están sendo feitos, orzamentos, obras, investimentos e compromisos que se cumpren. O compromiso –proseguiu- de volcar os maiores investimentos para estas Comunidades”.


Nesta liña, o presidente do Goberno de España lembrou que as Contas Xerais do Estado correspondentes aos anos 2005 e 2006 reflectiron un cambio de tendencia, xa que estes orzamentos recollen os maiores investimentos naqueles territorios coa renda per cápita máis baixa e tamén naqueles que sofren maior despoboamento, ao contrario do que se viña facendo. José Luis Rodríguez Zapatero considerou que, precisamente as comunidades galega e asturiana precisan “un esforzo especial de apoio” para lograr a cohesión territorial. Por iso sinalou que “o Estado non vai regatear investimento nin para Asturias, nin para Galicia nin para Lugo”.

“Estamos moi preto de rematar co estancamento, e co pesimismo ante o futuro do norte e do noroeste de España. Chegou xa o tempo do optimismo, do desenvolvemento, e do progreso para esta zona. A isto me comprometín e isto é o que imos facer”, concluíu.

O compromiso coa Galicia interior

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, tamén quixo salientar o compromiso do Goberno de España con aquelas zonas “máis necesitadas de apoio”, con Galicia, en xeral, e coa Galicia interior, en particular, como así quedou reflectido, indicou, coa visita de José Luis Rodríguez Zapatero á Comunidade galega e ás provincias de Ourense e Lugo.

“Quero agradecer ao presidente do Goberno de España que tivera a atención clara, o compromiso firme, a vontade inequívoca de que nesta primeira visita institucional a Galicia desde que presido a Xunta, foran Ourense e Lugo, os depositarios da súa preocupación, das súas inquedanzas e dos seus compromisos”, sinalou o titular do Goberno galego.

Plan Estratéxico de Augas

O titular do Goberno galego aproveitou a visita ás obras que se están a realizar no río Miño para anunciar que o Goberno galego vai pór en marcha un Plan Estratéxico de Augas.

“Desde o Goberno da Xunta de Galicia poñeremos en marcha un Plan Estratéxico de Augas que faga posible que esta Comunidade poida, nun horizonte próximo ver as súas concas fluviais e as súas rías ben saneadas” convertendo o saneamento, a depuración, o tratamento das augas “nun elemento básico do noso desenvolvemento”.


Orzamentos Xerais do Estado


Emilio Pérez Touriño tamén resaltou, na súa intervención, que as Contas Xerais do Estado “son un bos orzamentos”, polo que agora o reto de “facer un esforzo conxunto de solidariedade” para “facer viable e posible a execución, o gasto, a aplicación e o desenvolvemento” dos obxectivos marcados. “Queda na nosa man ser capaces de mobilizar estes recursos, importantes e extraordinarios para poñer en marcha estes proxectos”, asegurou.

Nova etapa

Por último, o presidente da Xunta sinalou que a colaboración entre o Goberno de España, da Xunta e os concellos galegos significará “abrir unha nova etapa na historia da nosa Comunidade”.

“Teño a convicción de que en Galicia estamos vivindo un momento de grande esperanza e un escenario de elevada oportunidade”, sinalou, para o que considerou preciso manter un “esforzo conxunto” entre a Xunta e os concellos, así como “a cooperación e o compromiso” do Goberno de España.

Ao longo da visita a Lugo, os presidentes dos Executivos central e galego estiveron acompañados pola ministra de Agricultura e Pesca, Elena Espinosa; o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras; o presidente de Asturias, Vicente Álvarez Areces; o alcalde da capital luguesa, José Clemente López Orozco; así como polos conselleiros de Educación, Laura Elena Sánchez Piñón; Innovación, Fernando Blanco; Medio Ambiente, Manuel Vázquez e Traballo, Ricardo Varela.



Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia