Skip to main content

A Conselleira de Cultura móstrase receptiva á dobraxe para o galego de dez filmes para o 2006

O Presidente e a Secretaria Xeral da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón e María Xosé Jamardo, reuníronse coa Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e co Director Xeral de Promoción e Acción Cultural, Luís Bará.

No encontro, tratáronse algúns dos puntos do Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) que afectan directamente á Consellaría de Cultura, como a dobraxe de dez filmes en galego para as salas de cinema, punto que A Mesa considera prioritario para o 2006. Ademais, o colectivo cidadán entende que entre os filmes dobrados ao noso idioma deben estar os títulos O Código da Vinci, Piratas do Caribe 2, Cars e Ice Age 2.


Outro aspecto no que van colaborar a Consellaría e A Mesa é na elaboración dun proxecto de normalización lingüística das orquestras. Nesta liña de traballo, procurarase a galeguización dunha parte importante do seu repertorio e que se utilice o noso idioma para a animación.

A Mesa informou tamén á Consellaría da súa intención de celebrar no 2006 os seus vinte anos de existencia cunha serie de actividades que difundan ao longo e largo da Galiza o traballo cidadán en defensa da lingua durante estas dúas décadas.
A Mesa pola Normalización Lingüística