Skip to main content

O Goberno canadense proponlle á Xunta de Galicia negociar un protocolo de cooperación en materia pesqueira

O director de Relacións Internacionais do Ministerio de Pesca e Océanos de Canadá, Guy Beaupre, trasladoulle ao presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, a proposta de “negociar un protocolo de cooperación” entre a Comunidade galega e o seu país en materia pesqueira. Guy Beaupre apostou por adiantar a colaboración entre as administracións para acadar “alianzas estratéxicas” neste campo que permitan ás empresas do sector abrir mercados tanto en Canadá como en España.

Así o destacou o representante da administración pesqueira canadense trala reunión que mantivo co presidente galego e á que acudiron ademais a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego; o embaixador de Canadá en España, Marc Lortie; o ministro conselleiro da Embaixada de Canadá, Stuart Savage, e a xefa de Relacións Internacionais do Ministerio de Pesca canadense, Sylvie Lapointe.

Trala audiencia co presidente, o director de Relacións Internacionais do Ministerio de Pesca e Océanos de Canadá lembrou que o seu país negocia co Goberno de España un protocolo de cooperación para asegurar que haxa “fluidez na información” pesqueira. Asemade, amosou a vontade do seu país de negociar acordos na mesma liña cos gobernos das comunidades autónomas e, especialmente, co de Galicia, así como cos propios profesionais do sector. Uns acordos que, na súa opinión, deben procurar a sinatura de “alianzas estratéxicas” que permitan abrir os mercados e as posibilidades de negocio aos empresarios pesqueiros de ambos lados do Atlántico.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia