Skip to main content

O SLG dá a coñecer á Secretaria de Igualdade as demandas das mulleres do medio rural

A responsábel da Área das Mulleres do SLG, Isabel Vilalba, e a máxima representante da organización, Lidia Senra, mantiveron hoxe unha xuntanza coa Secretaria Xeral de Igualdade, Carme Adán, para coñecer de preto as liñas de actuación da súa área de goberno no que afecta ás labregas. A reunión tivo lugar ás 12:30 horas, nas dependencias da Consellaría de Vicepresidencia.
Vilalba e Senra déronlle a coñecer á Secretaria de Igualdade as principais reivindicacións do Sindicato Labrego neste eido, relacionadas con problemáticas como a cotitularidade nas explotacións, a atención á infancia, a cuestión sanitaria, ou os centros de información á muller no medio rural.
O encontro serviu tamén para falar dun problema de plena actualidade relacionado co cobro da axuda de 100 euros por fillo ou filla menores de 3 anos para mulleres traballadoras. Lidia Senra e Isabel Vilalba denunciaron ante Carme Adán que se lles está a denegar esta axuda a algunhas mulleres labregas de Galiza só porque ao non ser elas as titulares da explotación agraria, senón os seus compañeiros, non figuran como primeiras declarantes no Imposto da Renda (IRPF) cos ingresos da explotación. Trátase de mulleres traballadoras que cotizan á Seguridade Social Agraria, que teñen fillos ou fillas na franxa de idade de referencia ao cargo e que, mesmo, chegaron a cobrar estas axudas por reunir todos os requisitos para acceder a elas. Agora, atópanse coa sorpresa de que a Axencia Tributaria lles denega esa axuda e lles pide a devolución das anteriores porque é o cónxuxe quen figura como primeiro declarante no IRPF.
Nas explotacións agrogandeiras de tipo familiar de Galiza, nas que traballan os dous cónxuxes, a maioría das veces o titular é o home e a atribución das rendas agrarias fáiselles aos titulares masculinos.
En relación con este tema, Carme Adán comprometeuse a poñerse en contacto coa representante da Secretaría de Estado para a Igualdade do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, para ver de solucionar esta problemática, que de manterse significaría que ás labregas, na práctica, se lles negaría este tipo de axuda.

Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego