Skip to main content

Emilio Pérez Touriño garantiza que o Goberno non vai poñer ningunha condición para iniciar o diálogo de reforma do Estatuto

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, asegurou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que se cumprirá o prazo de seis meses, desde a toma de posesión, para iniciar o diálogo sobre a reforma do Estatuto. Neste sentido afirmou que “sería inimaxinable unha negativa por parte de ningún grupo parlamentario” a asumir que, no marco da constitución, da concertación e do consenso, se estableza unha mesa de diálogo.

O titular da Xunta manifestou que “o que pense cada formación política sobre a identidade propia de Galicia non debe ser obstáculo para sentarse a dialogar”. Nesta liña indicou que “non vai haber condicións previas” e que só se han de cumprir tres cuestións básicas: querer iniciar o proceso, respetar o marco constitucional e ter vontade de concertar e acordar. “Entendo” que estes tres puntos son asumidos por todo o mundo, afirmou o presidente.

Pérez Touriño, en relación á entrega do Estatuto de Cataluña no Congreso dos Deputados, explicou que “hai que facer un esforzo de confiabilidade en nós mesmos, nas institución democráticas, nos partidos e no sistema parlamentario”. Lembrou que é o Congreso o que ten a soberanía popular e a lexitimidade democrática para decidir como queda o Estatuto e qué termos.

Neste apartado, o máximo mandatario da Xunta, abogou por alonxarse do “alarmismo e catastrofismo“ porque “estou seguro” da capacidade de todos e cada un dos deputados para que finalmente exista un estatuto que sirva, pero que non limite a igualdade e a solidariedade dentro de España.

Financiamento

O titular do Executivo afondou no sistema de financiamento proposto desde Cataluña, que “espero non vaia adiante”, indicou, porque se está a plantexar unha relación bilateral entre Comunidade e Estado e o financiamento en España “é multilateral, iso é federalismo do de verdad”, insistiu. “É un vieiro que non interesa, que non salvaguarda o interese xeral e dende longo non é bon para Galicia”, concluiu. Debe haber unha participación de todas as autonomías como quedou patente na Conferencia de Presidentes.

Orzamentos

O presidente da Xunta lembrou o esforzo “sen precedentes” dos orzamentos do Estado para Galicia. Indicou que Galicia é a comunidade que máis medra de España, que conta para o próximo ano co 9,3% do investimento do Estado en infraestruturas, cifra que supera ao 8% do que se plantexaba no acordo de Goberno. Ademais sitúan a comunidade 20 puntos por enriba da media en investimento por habitante.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia