Skip to main content

Pérez Touriño anuncia que o Plan Integral de Emprego contará con 160 millóns de euros nos vindeiros catro anos

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o Plan Integral de Emprego contará cunha achega de 160 millóns de euros nos vindeiros catro anos. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o titular do Executivo autonómico asegurou que este convenio xa asinado co Ministro de Traballo e Asuntos Sociais, Jesús Caldera, “mobilizará recursos tanto do Goberno central como da Xunta”, comezando “cunha dotación inicial para o 2006 de 40 millóns de euros”.

Touriño manifestou que este plan enmárcase “dentro do obxectivo prioritario do Goberno da Xunta que é ese pacto polo emprego”, asegurando que entre as preocupacións do Executivo galego está a de crear “cada vez máis emprego pero, sobre todo, mellor emprego, de calidade”.

Neste sentido, e referíndose aos altos valores de sinistralidade laboral que se desprenden do informe presentado polo Conselleiro de Traballo na xuntanza semanal do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño adiantou a posta en marcha dun Plan de choque conta a sinistralidade laboral. Segundo indicou, a calidade do emprego está directamente relacionada coa “redución” dos accidentes de traballo e manifestou a “preocupación da Administración autonómica por este tema”.


Incremento do 78% da sinistralidade nos últimos dez anos


Segundo salientou o máximo mandatario galego, o informe accidentes no traballo elaborado pola Xunta de Galicia, revela “altas taxas de sinistralidade laboral e o que é máis preocupante, -dixo- que o número de accidentes laborais vén crecendo de xeito moi importante e sostida ao longo dos últimos anos”. Touriño puxo de manifesto que “nos últimos dez anos a taxa de accidentes laborais na nosa comunidade incrementouse nun 78 por cento” e tamén informou que o ano 2004 rexistrou, nesta mesma liña, “un número elevadísimo de accidentes laborais”, contabilizando “máis de 47.000”.

Segundo manifestou, este é “un tema que reclama de todo o traballo e de toda a prioridade da Xunta de Galicia” polo que anunciou o desenvolvemento do Plan de choque sectorial, afondando na “formación” para “crear una cultura da seguridade tanto en empresarios como en traballadores”.

O presidente galego dixo que esta iniciativa é un “tema prioritario” incluído na “negociación da concertación social”. Neste sentido, amosou a súa vontade en que ao longo deste mes estea o “primeiro documento de bases para este acordo nacional en materia de emprego, onde a sinistralidade laboral será un punto básico de desenvolvemento posterior”.

“Estamos traballando en distintas liñas de avance na concertación social, no Plan de choque de sinistralidade laboral e no Plan Integral de Emprego de xeito inmediato”, concluíu.


Descenso do paro en setembro


No ámbito laboral, o presidente da Xunta tamén referiuse ao descenso da taxa de desempregados no pasado mes de setembro, que –segundo salientou- reflicte un “desenvolvemento positivo” do mercado de traballo dende o punto de vista do crecemento. Así, tamén subliñou que “é o primeiro mes de setembro en moitos anos en que as cifras de desemprego se reducen en Galicia”, explicando que este mes é “moi complicado” en Galicia. Touriño atribuíu esta baixada no número de desempregados ao “impulso do investimento no sector da construción, que revela as expectativas económicas saudables e permitiu baixar o desemprego na nosa comunidade”.

Plan de saúde mental

Por outra banda, o xefe do Executivo autonómico tamén avanzou que “nun prazo breve” se aprobará o “primeiro plan integral de atención de saúde mental de Galicia”. A Goberno galego aprobou esta mañá as directrices e liñas estratéxicas deste plan que se desenvolverá entre os anos 2005 e 2009 e que procurará prestar atención especializada en saúde mental nun prazo non superior aos 30 días, e non sobrepasar dos 15 días nos casos de consultas preferentes.

O Goberno galego proponse “reducir as listas de espera” nesta especialidade e ampliar a cobertura en materia de urxencias psiquiátricas hospitalarias ata acadar unha prestación de “24 horas ao día durante os 365 días do ano”. En opinión de Pérez Touriño, trátase de “ter cuberta plenamente a atención das urxencias psiquiátricas” e orientar o servizo sanitario “cara a unha atención axeitada ás novas demandas da poboación”, prestando atención “Integral e onde se privilexie o trato humanitario e a relación coa familia”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia