Skip to main content

García Seoane e o delegado de Educación, Pedro Armas, buscaron solucións ós problemas dos centros en Oleiros

Ofrecer un amplo coñecemento sobre a situación na que se atopan as infraestructuras escolares en Oleiros, foi o obxectivo da visita que o delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria Pedro Armas Diéguez, fixo a Oleiros, onde foi recibido polo alcalde Ángel García Seoane e polo concelleiro de Ensino e Educación Medioambiental, Xabier Álvarez Costoya. O delegado acudiu acompañado da Secretaria Provincial da devandita delegación, Natalia Fernández-Mosquera Sande, e o Xefe do Servizo de Inspección da Coruña, José Antonio Gai García. Durante máis dunha hora, todos eles mantiveron na Alcaldía unha xuntanza na que analizaron os problemas dos distintos Centros de Ensino con que conta Oleiros, sete en total, de cara a planificar por parte da Consellería os investimentos precisos para resolver as necesidades dos mesmos, a curto e medio prazo.

O delegado manifestou que o concello de Oleiros é un dos primeiros que visita, e o primeiro da provincia da Coruña en canto a
crecemento poboacional, un crecemento con perspectiva de continuar crecemento nesa dinámica no futuro, situación esta que esixe facer as conseguintes previsións en canto a infraestructuras educativas.

O alcalde García Seoane, entregou a Pedro Armas diversos estudos realizados no período de goberno autonómico anterior, e que nunca foron abordados por esta, relacionados co Colexio máis antigo de Oleiros, o da Rabadeira.

No que respecta ás novas instalacións escolares, o alcalde
manifestou que coa construcción do novo colexio de Primaria que se comezará a construír o vindeiro ano en Canide, as necesidades do concello quedan cubertas por un longo período de tempo. Tamén comunicou García Seoane a súa oposición a que se eliminen determinadas instalacións dos colexios, como é o caso do Patio Cuberto do
recentemente construído Colexio de Primaria na Rabadeira, porque vai en detrimento das instalacións e servizos que ós rapaces lles pertencen.

Tamén instou o rexedor municipal ó Xefe do Servizo de Inspección a que se controle o acceso de rapaces doutros concellos, como é o caso de Cambre e Sada, ós centros de ensino de Oleiros, dado o grave prexuízo que se produce cos residentes de Oleiros, en concreto no colexio Rabadeira, encontrándose en moitos casos sen poderen acceder ós servizos do comedor e incluso os rapaces se teñen que desprazar a outros colexios fóra da súa demarcación territorial.

Respecto do Instituto oleirense Miraflores, o alcalde instou ó delegado provincial de Educación e Ordenación Universitaria a unha pronta resolución do Convenio que a anterior administración nunca asinou, para poder facer posible a cubrición dunha das pistas polideportivas por importe de aproximadamente 300.500 euros, con cargo na súa totalidade ó concello de Oleiros, e cuxas obras están xa adxudicadas.

Posteriormente, o concelleiro de Ensino e Educación
Medioambiental, Xabier Álvarez Costoya, acompañou ós representantes da administración autonómica a visitar os sete centros escolares espallados nas distintas parroquias de Oleiros, de cara a coñecer de preto a problemática que cada un deles poida presentar, e manter un contacto directo con cadanseu equipo de dirección. Visitaron tamén as Escolas Municipais de Música e Danza, emprazadas na Fábrica de Perillo.
Carmen Carballo (Comunicación Concello de Oleiros - A Coruña)