Skip to main content

Presidencia fixa cos sindicatos un calendario de actuacións para atender as necesidades en materia de Xustiza, que permitirá chegar a acordos antes de decembro

O titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza presidiu a reunión da mesa sectorial de Xustiza na que participan representantes das dos sindicatos. Nesta primeira xuntanza abordouse a axenda laboral pendente na administración xustiza, e os sindicatos trasladaron a súas posicións en relación aos incrementos retributivos, a aprobación de relacións de postos de traballo, a implantación do novo modelo da oficina xudicial e a creación dalgúns xulgados especializados (como os encargados de delitos violencia mulleres ou os xulgados menor) que obrigan á reestruturación de plantillas.

Segundo explicou o conselleiro, foi unha primeira toma de contacto “cordial”, no decurso da que se aprobou un calendario de actuacións que fará posible chegar a acordos antes de decembro que permitan manter un clima de diálogo laboral e ter en conta de xeito progresivo este tipo de reivindicacións.

Competencias

En relación á petición da Xunta de transferencia de novas competencias no ámbito xudicial, Méndez Romeu explicou que o Goberno galego e o central amosan unha “diferente interpretación dun problema que nos preocupa”. Neste sentido explicou que a Xunta de Galicia –ao igual que outras Comunidades Autónomas como Cataluña ou Andalucía- considera que as competencias en materia de xustiza deben ser ampliadas, e isto “é bo para a xustiza e é bo para os cidadáns”. Lembrou que o Goberno central quere esperar a que primeiro se modifique a oficina xudicial.

Doutra banda, o conselleiro lembrou que tamén se fixo traslado ao ministro de Xustiza da necesidade de crear novos xulgados especializados e modificar –como xa se demandou- a creación de novas oficinas de rexistros da propiedade en localidades que medraron moito nos últimos anos, que teñen un elevado volume de transaccións económicas e que, por tanto, “necesitan contar con estes servizos de proximidade”. Segundo asegurou Méndez Romeu, o ministro “foi receptivo, non pechou ningún destes asuntos. Anunciou, ademais, que continuarase en contacto co ministerio en vindeiras datas e agarda “que teñamos noticias favorables antes do remate do ano”.

Reforma electoral

En relación á modificación da Lei electoral, o titular de Presidencia lembrou que no programa de goberno xa se adiantou a necesidade desta reforma, que presentará o Goberno na Cámara galega nos primeiros meses de 2006, subliñou. Será entón cando os grupos parlamentarios terán a oportunidade de facer enmendas ao texto. Méndez Romeu agarda que finalmente “teñamos unha lei de consenso que signifique un paso máis no afondamento da democracia e na corrección dalgunhas eivas que o tempo ten demostrado que non son as que os cidadáns demandan”. “Debemos procurar que a representación sexa cada vez máis perfeccionada, que iso é a esencia do principio democrático, e ese tipo de reformas non van contra ninguén senón que melloran a capacidade dos cidadáns de ver o valor do seu voto”, dixo Méndez Romeu.

Así mesmo, engadiu que “as persoas que en tódalas iniciativas do Goberno tentan ver unha man oculta ou unha intención sesgada xa quedarán en evidencia no propio transcurso do debate parlamentario”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia