Skip to main content

O director xeral de Comunicación Audiovisual inaugura a exposición: Incursións. Fernando Páez, sobre a obra fotográfica do pintor lugués

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, inaugurou na Igrexa da Universidade, en Santiago, a exposición Incursións. Fernando Páez, na que se mostran 25 obras nas que o fotógrafo e pintor lugués recrea a súa cidade natal, Ribadeo.

A exposición inaugurada recolle 25 fotografías orixinais en papel do artista nado en 1953 e está producida polo Centro Galego de Artes da Imaxe, en colaboración co Vicerreitorado de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria da Universidade de Santiago.

Nas fotografías presentes na Igrexa da Universidade, Fernando Páez introduce a súa cámara no territorio familiar máis íntimo, abordando un estudo profundo, respectuoso e tranquilo sobre a vellez. Tamén observa como en certos espazos urbanos se socializa a persoa en momentos e situacións intemporais que se repiten cada día. Nestas obras, o autor volve cunha nova perspectiva sobre as súas inquedanzas clásicas: o paso do tempo, o recambio xeracional, o desplome dos ideais e a mudanza das emocións.

Naturalidade

O artista lugués bota man nestas 25 obras dunha cor real, unha iluminación natural, sen actores, sen modelos, sen montaxes, coa fin de conseguir un retrato auténtico da realidade e de desenmascarar un mundo sensorial onde afloran os sentimentos, a canseira, en definitiva, os segredos. Nelas, a súa vila natal, Ribadeo, actúa como o tirón emocional imprescindible para que o artista, que non deixa de ser protagonista, sinta a necesidade de retratar un tempo xa pasado.


A exposición, que permanece aberta ao público ata o 22 de novembro, está coordinada por Manuel Vilariño, Marta Etcheverría e Susana López.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia