Skip to main content

Educación elaborará un Plan Estratéxico para as ensinanzas artísticas e un mapa destas ensinanzas

O director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez Vázquez, anunciou o compromiso da Consellería de Educación de cara á “posta en valor, mellora e potenciación das ensinanzas artísticas de grao elemental, profesional e superior”. O director xeral de FP estas declaracións na inauguración do curso 2005/06 da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. O acto tivo lugar no Conservatorio Profesional de Música da cidade olívica.

Antonio Vázquez Vázquez indicou que desde a Consellería crearase unha Comisión que terá como misión fundamental “a elaboración dun Plan Estratéxico para as Ensinanzas Artísticas, que contemplará a plena equiparación das ensinanzas superiores en función do propio desenvolvemento da LOE”. Ademais, sinalou que “esta Comisión elaborará tamén un Mapa das Ensinanzas Artísticas para intentar racionalizar os recursos educativos en función do territorio”.

Nesa dirección, o director xeral de FP agradeceu “a oferta do Concello de Vigo para acoller outras ensinanzas superiores”, e anunciou que dende a Administración educativa considerarase “con detemento as propostas de colaboración” que proveñan deste concello.

Por outra banda, Vázquez Vázquez referiuse á “longa e fructífera relación coas artes escénicas” que ten a cidade de Vigo, ao tempo que amosou o compromiso de Educación de dotar á Escola Superior de Arte Dramática desta cidade dun edificio propio. Neste senso, manifestou que se espera que para o inicio do curso 2007/08 “poidamos realizar o acto de inauguración oficial nun edificio de nova planta que queremos que destaque polas súas utilidades pero tamén polo seu valor referencial e simbólico”.

O responsable de FP sinalou a intención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de que a Escola Superior de Arte Dramática de Vigo “se converta ano a ano nun centro de referencia en toda a Península, pola calidade da docencia, da investigación e da creación”. Con este fin, Antonio Vázquez sinalou o seu compromiso para dotar a esta escola das infraestructuras necesarias “para que poida desenvolver o seu proxecto educativo, ao servizo de Galicia e das Artes escénicas”.

Ademais, indicou que entre os obxectivos da Consellería está facer da Escola de Arte Dramática “un centro capaz de articular unha oferta educativa que non se centre tan só na formación inicial, senón que tamén se ocupe da formación ocupacional e da formación continua, capaz de organizar as máis diversas actividades”.

Antonio Vázquez Vázquez sinalou tamén a vontade da Consellería de que este centro se converta nunha porta cara o progreso sociocultural e económico. Así, dixo que dende a Administración educativa galega agardan que a Escola de Arte Dramática que comezou hoxe o seu curso académico sexa “un viveiro de ideas e proxectos cos que converter as artes escénicas nun polo máis do noso desenvolvemento”.

Estudos da Escola de Arte Dramática


Un total de 36 alumnos cursarán Arte Dramática neste curso académico 2005/06 na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. Os estudos de Arte Dramática estrutúranse nun único ciclo de catro cursos académicos, que se dividen en tres especialidades: Dirección de Escena e Dramaturxia, Escenografía (que non se implanta este ano) e Interpretación.

O primeiro curso dos estudos de Arte Dramática impártese nas instalacións da Escola de Imaxe e Son de Vigo, radicada en Bouzas. O IES de Bouzas ampliouse cun anexo que consta de 1.815,29 m2 construídos, superficie destinada a platós, camerinos e teatro. O investimento para esta nova obra é superior aos 2,4 millóns de euros.

Na parcela do citado centro, onde se sitúa a Escola de Imaxe e Son, espérase instalar tamén a Escola de Arte Dramática, cunha previsión de 2.398,63 m2 construídos, onde as dúas escolas compartirán un espazo común que na actualidade se constrúe: o teatro. Este espazo ten capacidade para 250 persoas e conta cun telar, de acordo co Decreto 389/1992 polo que se establecen os requisitos das ensinanzas artísticas, en especial de Arte Dramática.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia