Skip to main content

A conselleira de Pesca reuniuse cos sindicatos que representan aos tripulantes da frota de Nafo

A conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, cumpriu o compromiso que adquiriu na sua primera comparecencia no Pleno do Parlamento Galego, no que xa avanzou que se reuniría cos sindicatos que representan aos
tripulantes que faenan en NAFO para explicarlles polo miúdo os resultados do último cumio da Organización de Pesqueirías do Atlántico Noroeste. Na xuntanza mantida na Consellería, onde Gallego Calvar estivo acompañada polo director xeral de Estruturas, Manuel Cabirta, e que contou coa presenza de representantes de UGT e CCOO, tratouse o resultado da reunión celebrada en Tallín e na que se decidiu manter o plan de recuperación para o fletán negro acordado en 2003. Un plan que ten por obxectivo recuperar a especie para garantir o futuro da frota que faena nestas augas e que é na súa maior parte galega.

Os participantes no encontro valoraron positivamente a participación da delegación galega no cumio no que, xunto coa delegación española, estivo presente en todas xuntanzas que tiveron lugar entre o 19 e o 23 de setembro na capital de Estonia.

Asimesmo, a conselleira de Pesca trasladou aos representantes sindicais a súa vontade de mantelos informados como xa fixera no pasado mes de agosto cando tivo lugar o peche cautelar de pesqueiría, e da mesma forma que lles informou recentemente do intercambio de cuotas que o Goberno español está a levar a cabo con outros países representados na Organización do Atlántico Noroeste.

No transcurso da xuntanza, Carmen Gallego tamén explicou aos portavoces de UGT e CCOO que o Goberno galego xunto coa Administración central está a traballar nun plan de xestión das pesqueirías de NAFO para o ano 2006, que será perfilado ao longo destes meses e no que a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos terá en conta as propostas dos mariñeiros que faenan nesas augas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia