Skip to main content

Innovación e Industria inviste na mellora do servizo eléctrico en zonas rurais e semiurbanas de Galiza

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, xunto coa Asociación de Productores y Distribuidores de Energía de Galicia (APYDE), firmaron en Santiago un convenio de colaboración para a realización de obras de mellora na calidade do servizo eléctrico de zonas rurais e semiurbanas, convenio no que tamén participa o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

O acordo ten como obxectivo mellorar a distribución de enerxía en zonas onde a electrificación é dificultosa ata o punto de non se cumpriren os mínimos de calidade esixible no servizo. A devandita asociación APYDE integra 18 pequenas empresas de produción e distribución de enerxía que prestan servizo en diferentes áreas de Galiza, algunhas delas con problemas de abastecemento eléctrico, tanto no referido á potencia instalada coma á continuidade do subministro.


O investimento establecido no convenio para a realización das obras é de 1.595.401 €, que achegan as tres entidades asinantes. A Consellería de Innovación e Industria proporciona unha contía correspondente ó 10% do importe, as empresas que integran APYDE achegan o 55,7% e o Ministerio de Industria, con cargo á tarifa eléctrica de 2004, financia o 34,3% do investimento total.

A maior parte deste orzamento (81,3%) destínase a execucións en zonas rurais das provincias da Coruña, Ourense e Pontevedra, mentres que o resto (18,7%) se contempla como investimento en áreas semiurbanas das mesmas provincias.

A mellora da rede eléctrica que recolle este convenio implica 39 obras prioritarias nos concellos de Melide, Cabanas, Frades, Tordoia, Cerceda, Touro, Boqueixón, Narón, A Laracha, Santa Comba, Laxe e Zas, na provincia da Coruña; Quintela de Leirado, Padrenda, Pontedeva, Verea, Padrenda e Melón, en Ourense; e O Porriño, Salvaterra de Miño, Silleda, A Illa de Arousa, Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade, Agolada, Ponteareas e Tui, en Pontevedra.


Así mesmo, o acordo contempla unha ducia de execucións consideradas alternativas nos termos municipais de Abegondo, Touro e Melide (A Coruña), Verea (Ourense) e Gondomar, Salceda de Caselas, Silleda, Ponte Caldelas, A Lama, Ponteareas e Agolada (Pontevedra).

As actuacións que requiren o maior financiamento aféctanlle á liña de media tensión entre Bandeira e Silleda e mais ás redes de media e baixa tensión de Lestón (A Laracha), ambas con máis de 100.000 € de investimento.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia