Skip to main content

Educación premia a innovación educativa

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria publicou recentemente no Diario Oficial de Galicia dúas convocatorias de premios á innovación no ensino non universitario.

Así, a través da Orde do 8 de xuño convocáronse premios á innovación educativa para o profesorado e centros sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A outra convocatoria de premios publicouse no DOG do 29 de xullo, e refírese aos premios á innovación educativa nos temas transversais do currículo.

O fomento e promoción da investigación, a experimentación e innovación educativa, así como a capacidade de transmitir valores que favorezan a liberdade persoal e a mellora da calidade do ensino, considéranse temas de máxima relevancia no proceso de reforma do sistema educativo que neste momento se está a vivir.

Un dos factores máis importantes para obter unha educación cuns altos índices de excelencia é lograr a implicación do profesorado en actividades de innovación educativa que, ademais de permitir a súa actualización profesional, contribúen a mellorar o proceso de aprendizaxe do alumno.

O prazo para entregar os traballos nas dúas convocatorias rematou o 30 de setembro de 2005, e o prazo máximo de resolución será o vindeiro 31 de outubro. O xurado seleccionará os traballos tendo en conta unha serie de criterios. Así, con carácter xeral, valoraranse as ideas innovadoras que presenten os proxectos, tanto pola creatividade e orixinalidade do deseño pedagóxico como pola metodoloxía e recursos empregados.

Tamén se terá en conta a calidade dos materiais e a presentación gráfica así como a aplicabilidade e capacidade de mellora da formación do alumnado. Outro criterio xeral de valoración dos traballos será a súa capacidade para ser utilizados noutros contextos educativos por outro profesorado e alumnado do mesmo nivel ademais da súa capacidade de difusión.

Profesorado e centros

O obxecto da Orde publicada en xuño deste ano é, por unha banda, a convocatoria de nove premios á actividade innovadora ou investigadora do profesorado desenvolta de xeito individual ou por equipos. Por outra banda, establécense premios aos centros para o desenvolvemento de proxectos de innovación educativa que impliquen ao centro no seu conxunto.

A dotación económica dos premios para o profesorado segue a seguinte distribución: haberá un primeiro premio de 4.000 euros, dous segundos de 2.500 euros e seis terceiros de 1.500 euros. Polo tanto, a cantidade destinada a estes premios é de dezaoito mil euros.

No tocante aos premios á innovación educativa aos centros educativos, a dotación total é de dezaoito mil euros, e haberá oito centros premiados, aos que se lle concederá un máximo de 3.000 euros.


Temas transversais do currículo

A Consellería de Educación convocou tamén unha serie de premios á innovación educativa nos temas transversais do currículo. Nesta iniciativa colaboran ademais outros departamentos da Administración autonómica como son as Consellerías de Innovación, Sanidade, e Medio Ambiente.


Os contidos transversais do currículo abordan problemáticas que non son propias dunha disciplina académica particular pero que se consideran dimensións educativas que deben tratarse de xeito común.

As temáticas que recollen fan referencia á formación no respecto dos dereitos e liberdades fundamentais e no exercicio da tolerancia e da liberdade dentro dos principios democráticos de convivencia, así como á formación para a paz, á cooperación e á solidariedade entre os pobos.

O importe total que se destinará a estes premios á innovación é de 27.000 euros, que se repartirán en contías de 3.000 euros por cada tema que saia a concurso. Os materiais presentados versarán sobre tratamentos innovadores no ensino dos contidos curriculares transversais nas etapas de segundo ciclo de Educación Infantil, Primaria, Secundaria Obrigatoria e Bacharelato.

Nesta convocatoria poderán participar, a título individual ou en grupo, o profesorado dos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que estea en activo e imparta ensino nos niveis non universitarios.

Nesta convocatoria, o xurado daralles prioridade, con carácter específico e no caso do tema de consumo, aos traballos que reflicten o consumo responsable de xeito ético, ecolóxico e solidario, acorde coa economía galega.

No caso de tratarse de contidos relacionados coa prevención da drogadicción, serán prioritarios os proxectos realizados a partir do material didáctico editado ao respecto polas Consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Sanidade.

Por último, no que respecta á educación para a igualdade de ambos sexos, terase en consideración que nos traballos se inclúan alomenos algún destes aspectos, como o tratamento preventivo e intervencionista na violencia de xénero. Os coñecementos que permitan avaliar e atender as necesidades domésticas e os labores familiares compartidos serán outros aspectos a ter en conta.

Ademais tamén se valorará o enriquecemento do contido curricular coas contribucións ao coñecemento humano realizadas polas mulleres, o fomento da ética ambiental respecto do equilibrio ecolóxico, a calidade de vida e do desenvolvemento sostible; e a rendibilidade social e continuidade da experiencia.

En conxunto, concederanse dous premios á innovación educativa en cada un dos seguintes temas: A transversalidade na educación, a Educación vial, a Educación para o consumo, a Prevención do consumo de drogas, a Educación para a saúde e a calidade de vida, a paz e a multiculturalidade, a igualdade de ambos os sexos, o lecer, e a Educación ambiental e para a sostibilidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia