Skip to main content

Dende o luns, 10 de outubro, os galegos xa se poden vacinar contra a gripe

Dende o luns, día 10 de outubro os galegos que o desexen xa poden acudir aos centros de saúde e consultorios da nosa Comunidade Autónoma a poñerse a vacina antigripal e a antipneumocócica. A Consellería de Sanidade prega á cidadanía que non acuda masivamente a vacinarse o primeiro día, xa que poden facelo ata o día 2 de decembro. Tendo en conta isto, e seguindo en todo momento as instrucións dos profesionais sanitarios, evitaranse aglomeracións innecesarias. Os puntos de vacinación de atención primaría pública -centros de saúde e consultorios- son nesta campaña 458 (164 na Coruña, 80 en Lugo, 105 en Ourense e 109 en Pontevedra), aos que hai que engadir os hospitais públicos, residencias e centros para a terceira idade, centros de atención a discapacitados, unidades asistenciais de drogodependencias, centros penitenciarios, hospitais e centros médicos privados, etc., ata completar os preto de 1.000 puntos totais de vacinación.

Datos da anterior campaña

Na campaña do pasado ano os galegos que se vacinaron contra a gripe foron 513.185, dos que 208.055 eran da provincia da Coruña, 81.982 da de Lugo, 83.019 da de Ourense e 140.129 da de Pontevedra. Polo que respecta á vacina antipneumocócica, o número de galegos vacinados o pasado ano foron 23.224, dos que 9.938 eran da provincia da Coruña, 2.938 da de Lugo, 3.290 da de Ourense e 7.013 da provincia de Pontevedra.


Desglosados os datos anteriores máis polo miúdo obsérvase que, dos máis de 200.000 coruñeses que se vacinaron contra a gripe, 139.014 tiñan 65 ou máis anos (cobertura do 61,70%) e 69.041 eran menores desa idade. Polo que respecta á vacina antipneumocócica nesta provincia, 8.194 eran persoas de 65 anos ou máis anos e 1.744 menores desa idade.

Na provincia de Lugo, dos máis de 80.000 cidadáns que se vacinaron contra a gripe, 63.545 tiñan 65 ou máis anos (cobertura do 63,48%), e 18.437 menos desa idade. Polo que se refire á vacina antipneumocócica nesta provincia, os de 65 ou máis anos vacinados foron 2.614 e 369 os de menos desa idade.


Na provincia de Ourense o número de persoas vacinadas contra a gripe de 65 ou máis anos foi, no pasado ano, de 64.585 (cobertura do 67,27%), e 18.434 os menores desa idade. Polo que atinxe á vacina pneumocócica, os vacinados de 65 ou máis anos foron 2.967 e os de menos desa idade 323.

Por último, na provincia de Pontevedra, os vacinados contra a gripe que tiñan 65 ou máis anos foron 94.313 (cobertura do 57,32%), e os de menos desa idade foron 45.816. Polo que respecta á vacina antipneumocócica, 5.736 eran de 65 ou máis anos e 1.277 de menos desa idade.

Ao redor de 650.000 doses

A Consellería de Sanidade, que dirixe María José Rubio Vidal, incidirá neste ano, especialmente, en fomentar a vacinación entre o persoal sociosanitario. A tal efecto, enviará a estes traballadores, de xeito específico, folletos e cartas informativas da campaña. Sinalar, así mesmo, que o número de doses adquiridas por Sanidade para levar a cabo esta iniciativa é de ao redor das 650.000.

A poboación á que vai dirixida esta campaña é, por unha banda, as persoas de 65 ou máis anos e, por outra banda, as menores desta idade que pertenzan aos respectivos grupos con maior risco de padeceren complicacións derivadas da gripe ou que ao ter a enfermidade poida producirse unha descompensación da súa condición médica.

Ao primeiro dos grupos, o de maiores de 65 anos, a Administración sanitaria ofértalle a vacinación antigripal de xeito sistemático e a vacinación antipneumocócica no caso de que non estiveran aínda vacinados fronte ao pneumococo.

Vacinación antigripal

Débense vacinar da gripe todas as persoas de 65 ou máis anos. Polo que respecta aos menores desta idade, ofértaselle a vacinación antigripal ás persoas que pertenzan aos respectivos grupos de risco. Estes grupos son: os adultos e nenos de 6 ou máis meses de idade con enfermidades crónicas; os residentes en institucións pechadas; os nenos e adolescentes -6 meses a 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina e as mulleres que se atopan no segundo ou terceiro trimestre do embarazo durante a temporada de gripe.


A Consellería de Sanidade recomenda, así mesmo, que se vacinen os grupos potencialmente capaces de lles transmitiren a gripe a outras persoas de alto risco. Entre estes colectivos están o persoal médico e de enfermaría e calquera outro persoal hospitalario ou ambulatorio; os empregados de institucións pechadas e outros organismos para enfermos crónicos que teñan contacto cos pacientes; os asistentes domiciliarios así como os membros de familias e convivintes de persoas incluídas nos grupos de risco.

Outros colectivos nos que a Administración sanitaria galega recomenda a vacinación son os das persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade como poden ser os policías, os bombeiros, persoal de protección civil, etc; os que, pola súa ocupación, poden estar en contacto con aves; os viaxeiros internacionais e, ademais, aquelas persoas que se dirixan a zonas onde existen brotes de gripe aviar.

Vacinación antipneumocócica

Recoméndase a vacinación antipneumocócica de todas aquelas persoas de 65 anos ou ás maiores desta idade non vacinados anteriormente. No caso de persoas menores de 65 ofertaráselle a vacinación aos grupos de risco nos que estea indicada. Estes son, entre outros, as persoas de 2 a 64 anos con patoloxías crónicas (cardiovasculares, pulmonares, diabetes, enfermidades hepáticas, etc.).

Máis de 100.000 folletos informativos

O obxectivo xeral que a Consellería de Sanidade pretende acadar con esta campaña é diminuír a morbi-mortalidade das enfermidades causadas polo streptococo pneumoniae e o número e gravidade das complicacións derivadas de padecer a gripe na poboación galega.

Dun xeito específico son tamén, entre outros, obxectivos desta campaña: o conseguir unha cobertura de vacinación antigripal na poboación de 65 ou máis anos de polo menos o 64 por cento, aumentando, deste xeito, a cobertura acadada o ano pasado que foi do 61,6 por cento; conseguir unha cobertura de vacinación antigripal nas residencias da terceira idade de polo menos o 85 por cento; aumentar a vacinación antigripal das persoas de 65 ou máis anos ingresadas nos centros sanitarios nun 5% en relación coa campaña anterior, así como aumentar a vacinación antigripal dos traballadores de centros sanitarios e sociais nun 5% respecto do ano anterior.

Para dar a maior información posible á cidadanía, Sanidade editou folletos divulgativos para a poboación (máis de 110.000) e uns 3.500 carteis, ademais das follas informativas para profesionais sanitarios e coidadores. Así mesmo, enviou documentación completa da campaña a médicos xerais, pediatras, persoal de enfermaría e farmacéuticos de atención primaria, responsables das delegacións provinciais de Sanidade, coordinadores de xerencias de atención primaria, hospitais, residencias da terceira idade, centros sociosanitarios, etc.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia