Skip to main content

Anxo Quintana asistiu en Compostela á Homenaxe Nacional ao poeta Manuel María

No Auditorio de Galicia e acompañado pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e o director xeral de Creación e Difusión cultural, Luis Bará, Quintana quixo estar presente neste acto, un dos que a AS-PG, CIG-Ensino, a AELG e o MNL organizarán este ano para dar a coñecer e valorizar a figura e a obra literaria de Manuel María.

Manuel María destacou pola súa excepcional calidade humana e ética, o seu compromiso con Galicia e a súa cultura durante toda a súa vida e a súa vastísima cultura ao servizo do país. No acto de hoxe, presentado por Comba Campoy, tomaron parte para homenaxear o poeta entre outros, Xosé Luis Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Miguel Anxo Fernán Vello, Pilar Pallarés, María Manuela, Miro Casabella e o voceiro do BNG no Congreso, Francisco Rodríguez.

O acto de homenaxe comezou precisamente coa intervención de Francisco Rodríguez analizando “A dimensión humana de Manuel María”. A continuación os poetas Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Fernán Vello, Pilar Pallarés, Marica Campo e Cesáreo Sánchez tomaron a palabra de Manuel María, e deixáronlle logo a quenda aos músicos María Manuela, Miro Casabella e Mini e Mero para que interpretasen “Idioma o Meu”, “Manual de Señorito”, “Ollos de Nenos”, “Panadeiras de Cea”, “Verbas a un irmao” e “Canto de Esperanza”.

No eido audiovisual foron Manolo Graña, Arturo Iglesias e Eduardo Álvarez os encargados do espazo “Manuel María. A palabra estremecida e alertada”. A homenaxe concluiu coa interpretación do himno galego polos gaiteiros da Asociación Cultural A Mámoa.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia