Skip to main content

A Xunta de Galicia anuncia un plan piloto para a extensión da cobertura da Televisión Dixital

A Secretaria Xeral de Comunicación da Presidencia da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, estudará os efectos que o futuro despregue dos dispositivos Gap-fillers (enchedores de ocos) poida ter nas redes de radiodifusión, e analizar as necesidades deste tipo de instalacións para acadar unha cobertura suficiente tras o apagón analóxico previsto para o ano 2010. Os Gap-fillers son uns equipos que proporcionan cobertura de televisión dixital alí onde a orografía de Galicia fai imposible unha cobertura axeitada cos emisores e reemisores de televisión tradicionais. Estes equipos equivalen, no universo dixital, aos xa coñecidos microreemisores rurais do mundo da televisión analóxica.

Este traballo desenvolverase en colaboración coas Inspeccións Provinciais de Telecomunicacións dependentes do Ministerio de Industria, a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación da Universidade de Vigo, as empresas radiodifusoras que operan na comunidade, e fabricantes de equipos galegos como Televés, Egatel e Intelsis. O plan ten como grandes obxectivos o desenvolvemento do documento de bases que regule o despregue na nosa comunidade dos equipos destinados a acadar coberturas de televisión dixital en zoas de sombra, formular as bases técnicas para asegurar o seu correcto funcionamento, e en definitiva asegurar aos cidadáns e cidadás galegos a mellor cobertura posible das redes publicas de radiodifusión.

Pola outra banda, con este traballo estableceranse as condicións técnicas para decidir onde e cando é aconsellable o despregue deste tipo de equipamento, e definiranse diferentes fórmulas de colaboración entre as administracións para levar a cabo este despregue.

Cobertura universal en 2010

Este plan contribuirá de xeito decisivo a acadar, tras o apagón analóxico do 2010, unha cobertura universal das redes publicas de radiodifusión sen discriminación da cidadanía por motivos xeográficos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia