Skip to main content

Touriño advirte que Galicia non perdoaría a falta de capacidade, xenerosidade e altura de miras para reformar o Estatuto de Autonomía

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, advertiu á clase política da Comunidade Autónoma que “Galicia non perdoaría que non tiveramos capacidade, xenerosidade e altura de miras” para reformar o Estatuto de Autonomía. Touriño fixo estas declaracións nunha entrevista concedida a Radio Nacional de España, na que tamén reiterou a súa disposición ao diálogo. “Eu lles pido, lles reitero a todas as forzas políticas, e de xeito moi claro ao PP de G, que se senten nunha mesa, que acepten o diálogo”, dixo.

Nesta nova chamada á negociación, o presidente galego destacou que as conversas se levarán a acabo “no marco da Constitución” e coa vontade de “avanzar” nesta reforma “en beneficio de Galicia e dos galegos e as galegas”. Así mesmo, indicou que este proceso ten que poñerse en marcha “canto antes” e lembrou que “xa se está traballando” neste sentido “practicamente en todos os Parlamentos autonómicos de España”.

Emilio Pérez Touriño tamén reiterou a súa vontade de cumprir co compromiso de poñer en marcha a ponencia parlamentaria para a reforma do Estatuto de Autonomía no prazo “dos seis primeiros meses da Lexislatura”. Para esta aseveración remitiuse á sesión de Investidura, “no momento inicial da Lexislatura”, na que se deu “o compromiso, diante da Cámara, das tres forzas políticas coa vocación de reforma no marco da Constitución e coa busca de diálogo”. Na súa opinión, “chegou o momento de cumprir” con este compromiso e “poñer en marcha ese diálogo”.

Sen condicións previas

Para Touriño, “a proposta xustamente consiste na apertura do diálogo sen condicións previas”, baseada “nunha vocación de reforma, de renovación de axeitamento do Estatuto ás novas circunstancias dun país que se ten descentralizado extraordinariamente nos últimos 25 anos”. Nesta modificación é precisamente na que xustifica o máximo mandatario galego a necesidade de adecuación da norma. Segundo sinalou, Galicia “está a vivir no seno da Unión Europea, nun contexto que anteriormente non existía” e, “polo tanto, se trata de poñer ao día o Estatuto e reformalo”.

Vontade inequívoca de diálogo

“A vontade de reforma ha de plasmarase nunha vocación inequívoca de concertación, de acordo, de diálogo”, reiterou Touriño. Así mesmo, enmarcou este proceso de reforma estatutaria dentro dos límites definidos pola Carta Magna.”O marco da Constitución é a base”, dixo. Neste sentido, remarcou que o Goberno galego está en disposición de “dialogar, entender e compartir” a posición das distintas forzas políticas para atopar “un campo de xogo común”. “É moi importante que teñamos en conta as tres formacións políticas”, concluíu.

Así mesmo, Emilio Pérez Touriño declarouse “profundamente optimista” respecto deste proceso. Amosouse disposto á negociación, “aberto, dende o primeiro momento, no marco constitucional, a que nos escoitemos uns aos outros e a que vaiamos traballando e trazando un camiño conxunto común”. Segundo indicou, “o contrario é negar a posibilidade mesma da reforma e Galicia –subliñou- non se pode permitir quedarse atrás, quedarse paralizada, mentres as demais comunidades, aínda con dificultades, se están marcando un camiño de avance”.


Orzamentos con acento social

Por outra banda, o xefe do Executivo autonómico defendeu “o acento social inequívoco” dos vindeiros orzamentos da Xunta de Galicia. Touriño enfatizou a condición “progresista” do Goberno galego e a defensa, “por riba de calquera cousa”, da “igualdade”. Ao tempo, desvelou a vontade do Executivo de “facer un esforzo tamén en materia de servizos públicos e en políticas de igualdade”.

Touriño remarcou as áreas de educación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico como prioridades que guiarán os orzamentos galegos para 2006. Explicou que estas áreas están na base da “creación de condicións de capitalización da economía” xunto ao “esforzo en equipamentos, infraestructuras e o desenvolvemento sostible”. O titular da Xunta avogou tamén por un desenvolvemento rural e ambiental “ben apuntalados, afortalados” e lembrou que todas estas inquedanzas están “recollidas no seu discurso do debate de Investidura e no Acordo de Goberno”. Así mesmo, asegurou que aínda que o Goberno galego conta cun “período cortísimo de tempo” para redactar os orzamentos, “vai cumprir co prazo” do mes de outubro como data límite para entrar no trámite parlamentario.

Balance de dous meses de Goberno

O titular do Executivo autonómico resumiu estes dous meses de Goberno como unha “experiencia extraordinaria”. “Creo que estamos no camiño positivo”, indicou. Pérez Touriño tamén declarou que preside “un Goberno que aposta pola transparencia e a proximidade coa cidadanía” e pretende “a modernización política deste país e a defensa dos intereses de Galicia”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia