Skip to main content

A Xunta traballará na implantación na nova oficina xudicial baixo as directrices do Ministerio de Xustiza e de acordo co Poder Xudicial, segundo Méndez Romeu

O titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza aseguro no Parlamento que en Galicia “non se van facer experiencias piloto” para a implantación da nova oficina xudicial, senón que, como xa se comunicou ao ministro de Xustiza, o desexo da Xunta é a“implantación xeral do modelo, de acordo co Ministerio, previa aprobación das relacións de postos de traballo” e sobre iso traballará o Goberno nas vindeiras datas “con seriedade e rigor pero baixo as directrices do ministerio de xustiza e de acordo co poder xudicial”. Así o aseguro esta mañá en resposta a unha interpelación parlamentaria.

Respecto da transferencia de competencias en materia de xustiza, Méndez Romeu explicou que a negativa do Ministerio de Xustiza refírese á referencia temporal inmediata, porque pretende acometer primeiro a reforma da oficina xudicial e deixar a reforma da lei orgánica do poder xudicial para a próxima lexislatura do Goberno central. “Podemos non estar de acordo cos prazos pero comprendemos que ten que haber unha lóxica nun proceso de reformas que xa é complexo de abondo”, matizou o conselleiro.

Competencias

Na súa intervención, Méndez Romeu explicou que as actuais competencias da Consellería en materia de xustiza non son normativas nin regulamentarias, senón competencias executivas de dotación de medios humanos e materiais, que o conselleiro cualificou como “moi limitadas”. Neste sentido, abondou que “cómpre modificar para poder falar de proxectos de modernización, para o que é preciso ter a capacidade de reclutar o persoal necesarios, convocar os procesos selectivos precisos e resolver os procesos organizativos”. Actualmente, a Xunta propón, suxire e informa “pero as decisións as toman outros poderes baseándose nos informes que reciben non só da Administración Autonómica, senón tamén do Poder Xudicial”. A xuízo de Méndez Romeu, a triple dependencia do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza e a Comunidade Autónoma “vai dificultar a implantación da nova oficina xudicial e non axuda a resolver un problema que é fundamentalmente de cambio de cultura profesional no mundo da xustiza e non só de reordenación de organigramas e procesos”. O Goberno deberá actuar “con prudencia” neste sentido”, xa que este cambio de cultura profesional vai tardar anos en conseguirse e non é compartido a día de hoxe pola totalidade dos que van ter que desenvolvelo.

Segundo asegurou o titular de Presidencia, desde a Consellería faranse os investimentos necesarios para que os xulgados estean dotados convenientemente e modernizados. “Faremos edificios necesarios, cumpriremos as obrigas que temos e chegaremos a un acordo co Ministerio de Xustiza para modificar esta situación”, como xa se lle está transmitindo desde o Goberno, puntualizou Méndez. “Somos conscientes dunha situación que ten que mellorar porque é bo para a xustiza que melloren”.

Consellería de Xustiza

En resposta a unha interpelación sobre as razóns da supresión da Consellería de Xustiza no novo Goberno, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu subliñou que non se produciu ningunha supresión, senón que agora a non existe a denominación como tal pero se integra na Consellería de Presidencia e de Administracións Públicas. Destacou, ademais, que a reubicación das políticas públicas de xustiza nesta nova Conselleira, non supón unha rebaixa na importancia que a xustiza adquire no conxunto da acción do novo Goberno de Galicia, e non hai perda do peso político desta área, senón que, pola contra, coa nova estrutura póñense en valor áreas que antes estaban mesturadas no anterior Executivo, como eran Interior e Protección Civil.

Así mesmo, Méndez Romeu destacou as actuacións desenvolvidas polo actual Goberno en materia de xustiza non que levamos de lexislatura e sinalou accións levadas a cabo en prol da modernización da Administración de Xustiza. Neste sentido lembrou que desde a primeira Conferencia Sectorial na que participou a actual consellería (no mes de setembro) xa “quedou de manifesto ante os cidadáns e as comunidades autónomas que se producira un cambio na posición do Goberno en Galicia, a prol das reformas que se impulsan desde o Goberno de Galicia e que van dar lugar a unha estructura de funcionamento do poder xudicial acorde cos tempos nos que estamos, o que se vén denominando a Oficina Xudicial”. Nesta xuntanza o Ministerio entendeu –segundo Méndez Romeu- que a Xunta de Galicia “non vai manter posicións obstrucionistas” aos proxectos impulsados polo Ministerio de Xustiza, senón “oposición leal e cooperación permanente” no que ten que ver co exercicio das competencias de Galicia.

Así mesmo engadiu que desde o inicio da lexislatura non só se retomou o diálogo cos sectores vinculados directamente á administración de xustiza –como xa existían-, senón con “algúns outros que foran esquecidos no pasado e que nos parece que tamén deben xogar o seu papel nesta nova reorganización da xustiza. Explicou que se está plantexando ao poder xudicial “algunhas cuestións que levaban tempos paralizadas”, entre as que citou a seguridade nos edificios xudiciais ou aspectos que relacionados con procesos que se desenvolven nas oficinas xudiciais.

Na súa intervención o conselleiro lembrou, ademais, que o Goberno ten insistido tamén na modificación do proxecto de novos rexistros da propiedade de Galicia, proposto polo ministerio de xustiza durante o mandato anterior, e engadiu que “algúns problemas que estamos herdando teñen a súa orixe na situación do goberno anterior e imos tentar resolvelo”.

Edificios xudiciais da Coruña e Vigo

O conselleiro destacou tamén que co anterior Executivo se produciron “algunhas actuacións preocupantes”. Nesta liña, Méndez Romeu referiuse ao proceso que dixo o anterior Goberno que puxera en marcha para a construción dos edificios xudiciais complementarios nas cidades de Vigo e A Coruña. Segundo explicou, “non existe ningún antecedente que avale a necesidade deses proxectos, e que as audiencias respectivas consultadas previamente non avalan a necesidade en concreto dos bocetos que se fixeron –puntualizou que foron simples bocetos e non anteproxectos-“. Méndez Romeu engadiu que incluso nalgún caso “nin sequera existía informe urbanístico previo, senón unha posición cando menos contraria da autoridade urbanística local sobre esa construción nese lugar concreto”. A este respecto, o titular de Presidencia indicou que a Consellería vai “avaliar estas necesidades con rigor, de acordo co poder xudicial e as audiencias respectivas nunha perspectiva de medio prazo e tendo en conta os obxectivos da reforma xudicial en curso”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia