Skip to main content

Méndez Romeu comprométese a facilitar o acceso de persoas con discapacidade á función pública, respondendo así ás demandas deste colectivo

Méndez Romeu explicou que, dende 1996, en Galicia concurriron a concursos públicos da Xunta unhas 92.000 persoas, das que só 2.800 (un 3%) se inscribiron polo turno de discapacitados. A normativa obriga a reservar ata un 5% das prazas existentes para o acceso deste colectivo; sen embargo, das 92.000 prazas ofertadas, só accederon 40 persoas por turno de discapacitados, é dicir, o 0,05 por mil das persoas presentadas. Segundo o conselleiro, “sobre o problema do acceso das persoas con discapacidade á función pública lévase vinte anos discutindo en España”, ao que engadiu que as normas legais que se teñen promovido ata o de agora “non produciron efectos palpables” en ningunha das administracións públicas.

“Estamos diante dunha situación que non se vai corrixir con cambios nas normas legais, porque se miramos que tipo de deficiencia manifestan estas persoas no momento de firmar a solicitude e a que tipo de prazas concurren , atopámonos con que moitas persoas con problemas serios xa nin sequera acceden a presentarse”, manifestou o titular da Consellería, quen avogou por seguir as vías propostas polas organizacións de persoas con discapacidade de Galicia, que suxiren medidas concretas de carácter discriminatorio “que alomenos faciliten que nalgúns grupos de traballadores ao servicio das administracións haxa unha representación axeitada das persoas con discapacidade”.

Lei de incompatibilidades

Doutra banda, Méndez Romeu respondeu a unha pregunta oral acerca das medidas que tomará o Goberno respecto ás infraccións da normativa de incompatibilidades indicando que a Consellería de Presidencia ten lembrado a todos os membros do goberno a necesidade do “cumprimento estricto” da citada norma, ademais de ordenar por escrito a apertura de dilixencias na Inspección Xeral de Servizos, da que depende o rexistro de incompatibilidades, se se apreciasen conductas impropias, o que daría lugar á toma de medidas previstas no propio ordenamento.

Segundo os datos da Consellería, existían once altos cargos de persoal eventual de gabinete que tiñan incompatibilidade no momento do seu nomeamento: dous secretarios xerais, sete delegados provinciais e dous asesores de gabinete. Referíndose en concreto ás incompatibilidades co cargo de concelleiro, o titular de Presidencia explicou que a Lei de Réxime Local dispón que estes deben dimitir diante do secretario do Concello, algo que en ocasións non é doado nos concellos pequenos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia