Skip to main content

O presidente da Xunta defende a reforma da Lei Electroal para asegurar a representatividade, a paridade de xénero nas listas e as garantías do voto emigrante

O xefe do Executivo galego defendeu a reforma da Lei electoral para “adecuarse a unha nova realidade social”. Segundo destacou Emilio Pérez Touriño, a nova norma deberá ter en conta “a representatividade -cunha mellor adecuación entre electores e deputados-”, “a paridade de xénero nas listas -reflexo da equiparación real home-muller en todos os ámbitos de actuación-” e que o voto dos emigrantes se desenvolva “cunhas garantías plenas e equiparables” ás existentes no territorio galego.

En resposta á pregunta parlamentaria feita polo Partido Popular, o máximo mandatario galego avogou por “unha reforma consensuada e meditada” e pediulle aos deputados do PP que “non falasen como se existise un proxecto de lei” redactado, dado que o Goberno galego pretende impulsar unha reforma que dote a Galicia dunha mellor lei electoral, que garanta a “representatividade”. Para logralo, explicou Pérez Touriño, a reforma legal “debe buscar unha mellor adecuación entre electores e deputados”, pois nos últimos vinte anos as dinámicas poboacionais teñen producido “cambios importantes” na distribución da poboación galega.

Nerviosismo e temor a perder cotas de poder

O presidente da Xunta achacou a oposición do PP e, particularmente, do seu portavoz parlamentario, Manuel Fraga, á modificación da Lei electoral ao seu “nerviosismo” e ao “temor a perder cotas de poder”, e non á “defensa do interese xeral de Galicia”. Emilio Pérez Touriño recriminoulle aos populares á contradicción na que incurren ao pretenderen “ser e aparecer como os defensores dos cidadáns de Lugo e Ourense cando en realidade buscan defenderse a sí mesmos”.

“Vostede tivo a oportunidade de preocuparse a fondo pola desertización que sofren as provincias interiores, de preocuparse polo avellentamento demográfico, e polo reequilibrio durante 16 anos, e non o fixo, e o único que recibimos é unha herdanza dun país que se desequilibra cada día máis intensamente, unha Galicia de dúas velocidades”, manifestou.

Por iso, Emilio Pérez Touriño sostuvo que o PP “non está lexitimado” para falar de representatividade. “Foi o Grupo Popular o que reformou a Lei Electoral no pasado cun sentido claramente restritivo, diminuindo a representatividade das opcións políticas ao incrementar a barreira legal” do 3 ao 5%, lembrou o presidente galego, quen remarcou que esa reforma “unilateral e contraria ao parecer do resto dos grupos da cámara” se fixo “practicamente en ano electoral”.

En contraposición, Emilio Pérez Touriño tranquilizou ao portavoz popular ao anunciarlle que o seu Goberno non actuará “como a maioría popular no pasado”, senón que buscará o consenso para defender “o interese do conxunto dos galegos como cidadáns” de xeito que a reforma posibilite “a consecución dunha mellor lei electoral”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia