Skip to main content

O Goberno galego pedirá de inmediato un ditame xurídico-técnico ao Consello Consultivo sobre a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou no Parlamento de Galicia que pedirá de inmediato un “ditame xurídico-técnico” ao Consello Consultivo sobre a reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia. Neste sentido, indicou que o próximo venres se reunirá co presidente deste organismo para pedirlle este informe. Segundo manifestou, o Goberno galego fará esta solicitude, ao abeiro do artigo 56 do Estatuto, para que sirva de “guía e reflexión” respecto do “marco” no que se levará a cabo a reforma.

En resposta a unha pregunta do Grupo Parlamentario Socialista, o presidente galego lembrou que Galicia é unha das poucas autonomías que a día de hoxe non puxo en marcha actuacións para proceder á reforma estatutaria. “Non podemos seguir nesa situación, indicou. Por iso, pediu aos grupos parlamentarios que estean á altura das circunstancias, porque é “o momento de avanzar” na reforma do Estatuto. E contestoulle ao PP e ao seu portavoz, Manuel Fraga Iribarne, que a súa “velada ameaza permanente” de non participar na reforma estatutaria só amosa “unha incapacidade plena para dialogar e buscar o consenso”.

Emilio Pérez Touriño explicou que non será a Xunta de Galicia a que presente un proxecto de reforma estatutaria á Cámara autonómica, senón que será o “Parlamento, cos seus grupos parlamentarios e deputados á fronte, os que teñan o protagonismo” neste proceso. Neste sentido, asegurou que o Goberno galego “non pretende teledirixir o proceso”, senón que tentará dar “as máximas facilidades e información” ao Parlamento para que “actúe con plena liberdade”, dentro do marco establecido pola Carta Magna.

Con esta finalidade, -expuxo o mandatario galego- a Administración autonómica “proporá aos tres grupos” políticos con representación no Pazo do Hórreo a “creación dunha Ponencia parlamentaria á que se lle encargue a redacción do anteproxecto”. Touriño explicou que será o texto resultante desta ponencia o que se presentará ante “a correspondente Comisión e ao Pleno da Cámara”.

Colaboración de todos


Touriño reiterou a súa chamada ao diálogo e “á colaboración de todos”, sen vetos nin condicionantes previos” na procura dun “novo Estatuto que dea resposta á realidade e necesidades da Galicia de hoxe”. “O Goberno galego ten moi claro que este é o momento de abondar na reforma”, enfatizou o mandatario galego. Na súa intervención “estimulou” a todos os grupos parlamentarios “a participar” no “debate apaixonante” que se vivirá ao longo desta lexislatura.

“Dicía no debate de Investidura e reitero agora –argumentou- que, na miña opinión, tan importante como o contido do Estatuto é o xeito de facelo. A reforma do Estatuto de Autonomía só será posible a partires do consenso entre as forzas políticas que se sentan nesta Cámara e a mellor vía para garantir ese consenso é que sexa o Parlamento o que asuma dende o principio a responsabilidade da elaboración do novo Estatuto”.

Primeiros seis meses de lexislatura

O presidente galego comprometeuse a iniciar os traballos desta Ponencia “nos primeiros seis meses da lexislatura en curso” e a dar “toda a colaboración que precise” por parte da Administración autonómica.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia