Skip to main content

As tres secretarias xerais da Vicepresidencia solicitan comparecer no Parlamento para explicar as súas liñas de actuación

As tres Secretarías Xerais que integran a Vicepresidencia da Xunta, as de Relacións Institucionais, Igualdade e Benestar, veñen de solicitar a súa comparecencia a petición propia no Parlamento de Galicia para explicar as liñas mestras de actuación que desenvolverán nas súas respectivas áreas de traballo.

O secretario xeral de Relacións Institucionais, Antón Losada, pediu comparecer na comisión correspondente á súa área no Parlamento galego para desgranar os eixos de modelo de “cooperación intelixente” co Estado que anunciou no Parlamento galego o Vicepresidente da Xunta na súa comparecencia en pleno o mes pasado.

Ademais, secretario xeral de Relacións Institucionais detallará as competencias que o Goberno galego pensa poñer sobre a mesa na Comisión Mixta de Transferencias, reactivada no encontro que o vicepresidente da Xunta mantivo en Madrid o mes pasado co ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla.

Igualdade e Benestar

Pola súa banda, a secretaria xeral de Igualdade, Carme Adán, explicará no Parlamento o modelo transversal da política de igualdade que impregna o funcionamento da Administración. Carme Adán falará na Cámara galega do Acordo pola Igualdade de homes e mulleres que o Vicepresidente anunciou que se levará a cabo no Parlamento. A secretaria xeral explicará tamén as actuacións da Vicepresidencia contra o problema da violencia de xénero, a elaboración dunha Lei Galega de Conciliación da Vida Familiar e Laboral e das súas políticas para a infancia.

Neste eido, Carme Adán exporá en Comisión prioridades do seu departamento coma a mellora da rede de recursos e infraestruturas existentes para a atención da poboación infantil e xuvenil, a nova Rede Galega de Escolas Infantís e as políticas para a mocidade previstas polo seu departamento.

A secretaria xeral de Benestar, María Xesús Lago, porá sobre a mesa no Parlamento galego a intención de converter as áreas de traballo do seu departamento en “políticas activas”, apostando pola institucionalización do

benestar social cun incremento de centros de atención, un aumento das prazas en residencias para a terceira idade, un maior número de centros para persoas dependentes e a creación de centros específicos de atención para casos coma os dos enfermos de Alzheimer.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia