Skip to main content

O conselleiro de Traballo aposta polo autoemprego como alternativa válida e atractiva de futuro profesional

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, achegouse ata o Coliseum de A Coruña para visitar a XII edición da Feira de Mostras de Autónomos de Galicia.

Ricardo Varela manifestou que un dos eixes de actuación da nova Consellería será o “fomento do espírito empresarial para estimular entre os emprendedores galegos a creación do propio posto de traballo”, xa que a consolidación dunha cultura emprendedora resulta fundamental para que o autoemprego se contemple como unha alternativa válida e atractiva ao seu futuro profesional.

O responsable de Traballo asegurou que o acceso ao emprego a través da posta en marcha da propia iniciativa empresarial supón unha “importante vía de inserción laboral para novos e non novos emprendedores”.

Varela recordou que na actualidade, Galicia rexistra máis de 183.000 persoas afiliadas ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), onde a presenza masculina é a dominante. Sen embargo, recalcou o titular de Traballo, “cada vez rexístrase unha maior presenza de mulleres”, feito que ven a demostrar que “o autoemprego é un método eficaz para a xeración de emprego e para reducir as altas cifras de desemprego feminino”.

Por todo isto, Ricardo Varela manifestou que, seguindo as directrices da Estratexia Europea do emprego, o departamento que dirixe outorga apoios, incentivos económicos, aos emprendedores que se deciden a crear o seu propio posto de traballo, constituíndose como autónomos.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia