Skip to main content

Méndez Romeu anuncia conversas entre as institucións xudiciais para evitar o traslado de xuízos do penal a Lugo e Ourense

O titular da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, anunciou que se están a iniciar conversas entre as distintas institucións xudiciais para buscar unha solución ao traslado de xuízos das Salas do Penal de Verín, O Barco de Valdeorras, Mondoñedo, Monforte e Viveiro a Ourense e Lugo. O conselleiro explicou que a Xunta asume e comparte a demanda da sociedade galega, dos colexios de avogados e procuradores e de 45 concellos destas provincias, e que o mesmo feito de que se estean a producir estas conversas “xa é algo positivo”.

A solución principal que se está a plantexar para evitar o traslado de xuízos é a de determinar conxuntamente un calendario de traballo para agrupar as visitas a estas localidades e aproveitar así mellor os desprazamentos. “Na medida en que exista un acordo entre as parte que signifique recuperar a existencia de xuízos nestas localidades, creo que todos estaremos satisfeitos”, afirmou Méndez Romeu, quen fixo estas declaracións tras asistir a unha reunión da Comisión Mixta na sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, na Coruña.

Mellora nos orzamentos

O titular de Presidencia sinalou que durante o encontro analizouse a situación das infraestructuras xudiciais e a proposta dos novos xulgados para Galicia no ano 2006. Así mesmo, lembrou que a Xunta só ten competencias nos medios materiais das infraestructuras e na posta en marcha de novos órganos xudiciais. Aínda que a resposta do Ministerio tardará unhas semanas en chegar, o conselleiro adiantou que “probablemente serán as grandes cidades de Galicia, as grandes áreas poboadas cunha problemática crecente, as que terán xulgados de nova creación”.

Méndez Romeu sinalou ademais que haberá “un incremento dos orzamentos da Xunta para Xustiza con respecto ao ano anterior, polo que o Goberno vai estar en mellores condicións de dar resposta ás necesidades” dos distintos concellos, que se están analizando detalladamente. No que se refire á Coruña, un estudio das súas necesidades pon de manifesto que non precisa a construcción dunha torre de vinte plantas e 10.000 metros cadrados como a anunciada polo anterior Goberno, senón reformas e ampliacións das infraestructuras xa existentes, segundo o conselleiro.

Reforma do Estatuto de Autonomía


Sobre a posibilidade de presenza do termo nación no Estatuto de Autonomía, o conselleiro sinalou que “ademais de debates semánticos, falamos tamén de debates políticos que poden ter consecuencias serias en sentido positivo ou negativo”, afirmou, para engadir que “en Galicia o goberno está comprometido a impulsalo dun xeito e cun debate parlamentario que garanta que as tres forzas políticas con representación poidan participar”.

Folga de transportes

Doutra banda, ao respecto da folga de transportes, Méndez Romeu indicou que esta se produce por unha situación allea ás competencias da Xunta de Galicia, que está en contactos coa delegación do Goberno para asegurar que se poida realizar baixo condicións de normalidade o transporte daqueles productos de primeira necesidade, que afecten á alimentación, hixiene, asistencia sanitaria e retirada de residuos. Así mesmo, confiou na boa marcha das conversas para chegar pronto ao fin do conflicto.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia