Skip to main content

Touriño asegura que as contas da Xunta para 2006 son as do emprego e o compromiso social, e inician unha nova política económica no país

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, informou que o Goberno galego aprobou o proxecto de Lei dos Orzamentos para 2006 que, segundo sinalou, son os “orzamentos do cambio” e “significan o inicio dunha nova política económica no país”. O titular do Executivo autonómico destacou que están “centrados no emprego e no compromiso social”. Touriño valorou a capacidade do Goberno de coalición en aprobar “en tempo e forma” un novo proxecto “nun curto espazo de tempo”, a diferenza do que fixera o anterior Executivo cando asumiu o mando ao inicio da lexislatura, que prorrogara os anteriormente existentes.

O máximo mandatario galego salientou que o actual Goberno “optou por non prorrogar os orzamentos” e indicou que as contas xerais da Xunta de Galicia para o exercicio que ven acadan os 9.911,7 millóns de euros, o que supón un crecemento do 9,04% respecto aos de 2005. Tamén subliñou que contan “cunha taxa de crecemento superior á da media española”. Segundo informou o presidente galego, estes orzamentos baséanse en cinco eixes de actuación principal que “servirán para contribuír ao crecemento económico e á modernización do país”.

Neles tense como prioridades a modernización económica e o crecemento, a creación de emprego estable e de calidade, a mellora da sanidade pública, o compromiso social e o equilibrio territorial. Neste sentido, Touriño indicou que o emprego e as política sociais serán “elementos vertebradores da nova política do cambio”.

31.000 novos postos de traballo

“Son os orzamentos da modernidade de Galicia”, dixo. Así mesmo, engadiu que son “un esforzo extraordinario para capitalizar a economía do país” e “unha aposta polo crecemento económico”. Concretamente, expuxo que implican “unha taxa de crecemento do 3,4% do PIB e a creación de 31.000 empregos netos no vindeiro ano”. O máximo mandatario galego salientou que un dos obxectivos será “situar a taxa de paro de Galicia por debaixo do 10%”.

En opinión de Emilio Pérez Touriño, “os orzamentos son a expresión cifrada do Goberno” e asegurou que os aprobados esta mañá polo Goberno galego”marcan un antes e un despois” e “expresan a fortaleza” do Executivo autonómico amosando a súa “claridade de obxectivos políticos”. O titular da Xunta destacou que as contas para 2006 “non son de continuidade, senón que marcan dende o primeiro momento a diferenza substancial no compromiso co electorado que votou o 19 de xuño cambio e renovación en torno aos compromisos de emprego e do compromiso social”.

Obxectivos prioritarios

Para acadar estes obxectivos prioritarios dispúxose que medren as partidas destinadas a I+D+ i e nun 39,05 por cento. En 2006 este capítulo contará cun investimento de 123,35 millóns de euros. Así mesmo, incrementarase un 25,7 % o investimento en modernización empresarial, un 12,9 % o referente a infraestruturas e un 9,2 % as achegas da Xunta para Educación.

Para a creación de emprego estable e de calidade, o Goberno galego incrementará as partidas orzamentarias nesta materia un 18,7%, acadando un volume total de 298,7 millóns de euros.

Tamén crecerán por riba da media os orzamentos da Sanidade, amosando a aposta da Administración autonómica pola calidade sanitaria. En 2006 incrementaranse nun 11,7 % o diñeiro público dedicada á Sanidade, o que supón acadar un volume de investimento total de 3.157 millóns de euros.

Compromiso social

As contas da Xunta de Galicia para 2006 están marcadas polo compromiso social. Incrementarase nun 13,7 por cento a partida destinada a políticas sociais, que contarán o ano que ven con 435,13 millóns de euros. Do mesmo xeito, os servizos sociais acusarán un alza do 15,1 por cento (242 millóns de euros); o sector da vivenda, cun pulo ao alugueiro, rehabilitación e adquisición, contará cunha partida de 182,8 millóns de euros, superior nun 11,7% á do 2005.
Os orzamentos aprobados hoxe contemplan tamén incrementar os fondos destinados á cooperación e axuda ao desenvolvemento e á emigración nun 18,7 % e os que teñen como finalidade fomentar a cultura e o deporte nun 10,20 por cento.

As políticas encamiñadas a mellorar o equilibrio territorial contarán cunha suba do 16,8 % no relativo ao Fondo de Cooperación Local. O Plan de Reequilibrio Territorial contará en 2006 con 150 millóns de euros para o seu desenvolvemento.

Rigor orzamentario e transparencia

A elaboración do Proxecto de Lei de orzamentos de Galicia o Goberno galego guiouse polos criterios de rigor orzamentario e transparencia. Mostra disto é a supresión da Lei de acompañamento dos orzamentos, aprobada ata o ano pasado, e a posta en marcha do Rexistro público de Axudas e Subvencións. O titular da Xunta explicou que todos os cidadáns terán acceso a el para consultar as axudas públicas concedidas a particulares e empresas e anunciou tamén que, “por primeira vez na historia da Comunidade, a lei de orzamentos” conterá un anexo “onde se detallan todos e cada un dos convenios e transferencias ás corporacións locais”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia