Skip to main content

A Consellería de Pesca acorda co sector afectado polo prezo do combustible unha proposta para trasladar ao Goberno central

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, acompañada polo director xeral de Estruturas e Mercados da Pesca, Manuel Cabirta; e o secretario xeral, Miguel López Sieiro, reuniuse cos representantes da frota de altura, baixura e arrastre do litoral galega así como coas centrais sindicais UGT, CCOO e CIG para consensuar unha proposta con medidas destinadas a paliar a dificil situación pola que atravesa o sector debido ao elevado prezo do combustible.


O acordo, que se lle trasladou ao Goberno central, susténtase en tres puntos principais: o incremento do tope de “mínimis”, estipulado actualmente en 3.000 euros por empresa e para tres anos; a posta en marcha de fórmulas que permitan manter un prezo asegurado do combustible, e que serían “cofinanciadas” entre as administracións e o sector, e por último que os “mínimis” para a frota de baixura recollan tamén as embarcacións de gasolina. Trala reunión, a conselleira sinalou tamén que as axudas de “mínimis” deben arbitrarse para todas as embarcacións e non só para as empresas “para que tanto tripulacións como armadores saian beneficiados das mesmas”.

No transcurso da reunión, celebrada en San Caetano, a conselleira fixo un chamamento á unidade do sector e pediu aos presentes maior celeridade á hora de contestar á proposta feita por Madrid nas últimas semanas.

“Peixe Verde”

Por outra banda, Carmen Gallego explicou aos representantes da frota e das organizacións sindicais que no orzamento da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos para o ano 2006 xa existen partidas específicas para dar unha solución estrutural a este problema. Así, destinarase axudas para mellorar a comercialización dos produtos pesqueiros e para subvencionar
proxectos relacionados co estudio de alternativas ao combustible tradicional que emprega a frota. Neste senso, cabe destacar que xa existe un proxecto en marcha, denominado “Peixe Verde”, que está a levar a cabo Puerto de Celeiro co apoio do departamento que dirixe Gallego Calvar. A iniciativa, pioneira en España, consiste na utilización de gas en lugar de gasolina ou gasoil co obxectivo claro de abaratar costes e evitar dificultades como as que está a travesar a xente do mar debido ao alza do prezo do carburante.

“Peixe Verde” desenvolverase a través da Fundación Puerto de Celeiro, que se presenta oficialmente e na que a Consellería de
Pesca, así como outros departamentos do Goberno autonómico, participa, non só na elaboración dos seus estatutos, senón tamén na financiación do futuro Centro Tecnolóxico do Sector Pesqueiro, que estará ubicado tamén en Celeiro e que xestionará a devandita Fundación.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia