Skip to main content

O presidente da Xunta destaca que o obxectivo do Goberno galego é construir o país sobre os piares de modernización, autogoberno e cohesión

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, destacou que o obxectivo do Goberno autonómico é construír “un país de todos os galegos e de todas as galegas”, que terá que erixirse sobre “tres piares que reflicten o que Galicia necesita para avanzar nos próximos anos: modernización, autogoberno e cohesión”.

Emilio Pérez Touriño fixo estas declaracións no transcurso da súa intervención no acto de entrega dos premios Gallego del año e Gallegos del mes, do Grupo Correo Gallego. No seu discurso indicou que “o progreso é unha bandeira e unha responsabilidade de todos, dende os partidos políticos ata os medios de comunicación, os empresarios, os traballadores e, en definitiva, o conxunto da sociedade”.

O presidente expuxo que falar de modernización significa “que Galicia estea en condicións de competir cos mellores”, un obxectivo que precisa da concertación social e tamén de “reformas lexislativas, económicas, sociais e administrativas que posibiliten que Galicia se sitúe na vangarda do desenvolvemento”.

Tras manifestar o seu convencemento en que afondar no autogoberno será “unha fonte de progreso para Galicia”, argumentou que máis autogoberno permitirá que “as decisións estean máis próximas aos cidadáns” e “realizar as políticas públicas de principio a fin”, así como “responder delas”.

Asemade, fixo fincapé na necesidade de conseguir “que ninguén se sinta excluído da sociedade”. Neste labor, ao seu xuízo, poden contribuír “todas as mans e todos os cerebros”, xa que “o cambio non é só un convite á clase política, non é só un modelo de transparencia, ou na relación cos medios de comunicación”.

“O cambio é tamén unha chamada para apoiar, valorar e facer noso, como conxunto social, o mérito individual ou colectivo de persoas como as que hoxe son galardoadas, o seu esforzo e a súa achega ao conxunto da nosa sociedade en cada unha das súas áreas”, dixo.

Por último, Emilio Pérez Touriño expresou as súas felicitacións aos premiados.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia