Skip to main content

Innovación e Industria e o Concello de Monforte colaborarán en materia de promoción e difusión do turismo

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, e o alcalde de Monforte de Lemos, Severino Rodríguez Díaz, asinaron un protocolo de colaboración polo que a consellería, a través da súa Dirección Xeral de Turismo, prestará o asesoramento e a colaboración precisos para a posta en marcha de distintos proxectos impulsados polo concello de Monforte.

En concreto, a colaboración entre ámbalas dúas administracións céntrase nas actuacións da musealización do Centro de promoción do Viño da Ribeira Sacra; a teatralización e rotulación da Torre do homenaxe; a edición dunha publicación sobre Monforte; a edición de distintos materiais de información e promoción sobre o concello; a execución do plan de dinamización da hostalería local; e a celebración dos eventos “Primeira Semana do Ferrocarril” e “Segundo Encontro das barcas do Río Cabe”. O importe total destinado a estas actuacións ascende a 387.000 euros, dos que 220.000 serán achegados pola Consellería.

A Consellería de Innovación e Industria enmarca este protocolo de colaboración dentro das súas políticas de actuación encamiñadas a potenciar o sector turístico galego, entre as que xogan un papel importante todas aquelas accións destinadas á promoción, potenciación e desenvolvemento da promoción turística de Galiza.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia