Skip to main content

Emilio Pérez Touriño anuncia que o esforzo investidor da Xunta medra nos orzamentos de 2006 un 10,5%, situándose en 2.451 millóns de euros

O titular do Goberno galego de Galicia, Emilio Pérez Touriño, salientou que o esforzo investidor que recollen as contas do Executivo galego aprobadas onte polo Consello da Xunta medra no exercicio de 2006 un 10,5 por cento, supoñendo unha partida total de 2.451 millóns de euros. Durante un almorzo con xornalistas das axencias de noticias galegas, o presidente da Xunta indicou que este crecemento do esforzo en investimento e “capitalización da economía” é “extraordinariamente potente”, por canto que supera aínda o crecemento xeral dos Orzamentos da Xunta, situado nun 9,04 por cento.

“Se hai un esforzo nestes orzamentos é un esforzo en investimento, na creación e na achega de valor, de instrumentos para crear riqueza, para mellorar a produtividade e a competitividade do país”, sinalou Emilio Pérez Touriño, quen lembrou que os 2.451 millóns que representa esta partida orzamentaria van destinados a “investir, a achegar capital e a crear instrumentos capaces de mellorar a competitividade, a modernidade e a incorporación de Galicia á sociedade do coñecemento”.

O titular do Goberno autonómico sinalou que este capítulo nas contas do Executivo autonómico constitúe “o elemento motor, a alma do orzamento, aquilo que o define”, xa que supón unha aposta polo crecemento económico da Comunidade galega, na dirección “da converxencia da nosa economía coa española e a europea”.

Investigación e desenvolvemento

“Os orzamentos poñen o acento onde hai que poñelo”, remarcou Pérez Touriño, potenciando a innovación, as novas tecnoloxías e a incorporación de Galicia á sociedade do coñecemento. Por iso, engadiu o titular do Goberno galego, a partida dos orzamentos en investigación, desenvolvemento e innovación medrará case un 40%.

Este incremento, segundo sinalou Touriño, pon de manifesto o interese da Xunta de Galicia por axudar ás empresas e participar con elas na innovación e a investigación.
Neste sentido, o máximo mandatario galego adiantou que o Executivo que preside ten como obxectivo consolidar novos centros de referencia tecnolóxica e investigadora. Deste xeito, xa anunciou a posta en marcha, o vindeiro ano e en colaboración co CSIC, dun Centro de Tecnoloxías da Vida, “aproveitando a base da Universidade de Santiago”, pero que pretende ser aberto a toda a Comunidade e a todo o sistema galego de ciencia e tecnoloxía.

Así mesmo, Emilio Pérez Touriño tamén remarcou que se van a pór en marcha programas para tentar recuperar investigadores e incorporalos aos centros produtivos, así como medidas encamiñadas a estabilizar o persoal investigador nas universidades galegas.

Outro dos obxectivos que pretenden as contas do Executivo galego é fomentar o espazo emprendedor e a cultura emprendedora, de tal xeito que “ningún proxecto empresarial” quede sen asesoramento e sen acompañamento orzamentario en caso de que resulte viable.

Educación, sanidade, infraestruturas e compromiso social

Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén sinalou como capítulos fundamentais dos Orzamentos do Executivo autonómico a educación, as infraestruturas, a sanidade e o compromiso social.

No campo da educación, Emilio Pérez Touriño asegurou que a Xunta vai apostar pola calidade do ensino e pola modernización, permitindo que os alumnos “se manexen” perfectamente en todo o relacionado coas novas tecnoloxías e tamén no dominio dun idioma estranxeiro.

Polo que a infraestruturas se refire, as contas da Xunta medrarán máis do 12 por cento e apostarán pola potenciación do transporte intermodal e pola articulación territorial da Comunidade galega.

Así mesmo, o capítulo destinado a sanidade, que medra 300 millóns de euros, por riba do 11 por cento, terá como obxectivo primordial a redución das listas de espera.

Emilio Pérez Touriño referiuse ademais ao esforzo investidor da Xunta no que a políticas sociais se refire, cun incremento “substancial”, dirixido a mellorar a atención das persoas maiores e dos discapacitados e a asistencia domiciliaria, entre outros.

Abandono da economía de subvencións

O presidente da Xunta dixo que chegou o momento de abandonar “a economía da subvención e a economía da clientela” e substituíla “pola economía do investimento produtivo, da innovación e da cultura emprendedora. Ese é o cambio de modelo que define a nosa política económica e a acción do Goberno que presido”, sentenciou.

Neste mesmo sentido, Pérez Touriño remarcou que estes son os “Orzamentos de cambio” e mostra “da fortaleza, da sintonía e da capacidade” de actuación das dúas forzas políticas que compoñen o Goberno da Xunta.

Transparencia e rigor

Por último, o máximo mandatario autonómico lembrou a vontade do Executivo que preside de manter a transparencia e o rigor nos Orzamentos da Comunidade. De aí, dixo, a supresión nesta lexislatura da chamada Lei de Acompañamento dos Orzamentos, que considerou contraria ao principio de transparencia e ao control parlamentario ao que se deben someter as contas galegas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia