Skip to main content

O presidente da Xunta estuda ampliar os vieiros de colaboración institucional coa Casa de Galicia en Montevideo

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, entrevistouse no seu despacho de San Caetano co presidente da Casa de Galicia en Montevideo, José Arijón Rama. Neste encontro, no que se analizou a posibilidade de ampliar os vieiros de colaboración institucional, tamén participou o secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez.

Trala xuntanza, Arijón Rama destacou que percibira, por parte da Administración autonómica, a “intención de axudar á emigración que está en malas condicións”. En concreto referiuse aos emigrantes galegos radicados en Sudamérica.

A Casa de Galicia en Montevideo conta na actualidade con 62.000 socios e conta con preto de 2.500 traballadores. O presidente da casa explicou que se trata “dunha institución de moitos anos” e cunha destacada traxectoria no que a centros galegos no exterior se refire.

Así mesmo, José Arijón Rama sinalou que dada “a situación económica e a mala administración” do centro o número de socios descendera nos últimos anos dende 115.000 a 62.000 afiliados.

Axuda da Xunta de Galicia

Neste contexto, o presidente da Casa de Galicia en Madrid expresou a súa “preocupación por mellorar os servizos e dignificar” tanto ao centro como aos socios e membros da comunidade emigrante en Montevideo e salientou que nesta tarefa a xunta está prestando a súa “axuda”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia