Skip to main content

Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura: nunca deixaremos de pedir que esa tradición oral sexa transmitida, que nos convertamos en portadores e namoremos a todos e todas da nosa tradición

Un desexo común púxose de manifesto no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela: que o 25 de novembro a UNESCO recoñeza ao Patrimonio Inmaterial Galego – Portugués coma Obra Mestra da humanidade. A Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presidiu o acto institucional de presentación desta candidatura en Compostela manifestando estar “namorada” desta iniciativa pondo de relevou o apoio do seu departamento indicando que “decidimos mergullarnos nesta candidatura e defendela con uñas e dentes”.

A Conselleira sinalou que “a pesar de ser patrimonio inmaterial esas tradicións son a materia da que estamos feitos os galegos e os portugueses”. E explicou aos presentes que agarda que a campaña de promoción que se está levando a cabo “serva para que toda a xente coñeza esas tradicións orais” engadindo que “con iso conseguimos que se nos valore un pouco máis.” Tamén fixo fincapé na súa esperanza de que “campañas coma esta, e o traballo de Ponte...nas Ondas!, sirvan para reducir o perigo de extinción” dalgunhas destas manifestacións.

Sobre a deliberación da UNESCO do 25 novembro indicaba que “as novas meigas estanse conxurando para gañar”, manifestando o seu convencemento na deliberación positiva co que dicía “gañamos todos e todas”. Pero tamén explicaba que pase o que pase “nunca deixaremos de pedir que esa tradición oral sexa transmitida, que nos convertamos en portadores e namoremos a todos e todas da nosa tradición”.

Optimista foi tamén na súa breve intervención o Presidente do Padroado do Museo do Pobo Galego, Isaac Díaz Pardo, quen dixo “Sra. Conselleira estamos de festa porque o que se está vendo aquí poucas veces se viu, porque estamos dominados por outros espíritus”. Fixo fincapé amais na importancia da unión entre Galicia e Portugal, e concluíu felicitando aos promotores da candidatura desexando que “vaia para diante”.

Por parte da Real Academia Galega interviña Francisco Fernández Rey, quen manifestou que “todos anhelamos este recoñecemento” pero tamén destacou que “se non é así o feito ata o de agora non é traballo perdido”, e desexou “mil primaveras máis para o noso Patrimonio Inmaterial”.

Santiago Veloso, coma presidente da Asociación “Ponte...nas Ondas!” promotora da Candidatura, resumiu nunha frase o sentir das escolas “faltan 34 días para que o noso patrimonio se espalle polo mundo”. Agradeceu amais publicamente a colaboración obtida dende a Consellería de Cultura, o Museo do Pobo Galego, e as outras entidades que están a brindar o seu apoio. Pero tamén deixou un público recoñecemento para as escolas promotoras da Candidatura, polo traballo desenvolvido, e todos aqueles que contribuíron a realizar o rigoroso dossier que foi remitido á UNESCO.

Tras as intervencións institucionais, e tendo coma condutor do acto ao actor Avelino González, proxectouse o vídeo da Candidatura, actuou a Sra Carme como exemplo dos portadores deste patrimonio, exhibiuse o vídeo clip de Meniños Cantores, e pechouse o acto coa actuación de Uxía Senlle, acompañada por Paulo Borges e Gustavo Domínguez, sumándose ao final de novo a Sra Carme e Ana Senlle.
Gabinete de Comunicación da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués