Skip to main content

Medio Rural prepara a actualización do Rexistro Vitícola Galego

O director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria, Antonio Oca Fernández, respondeu no Parlamento galego ás preguntas sobre o Rexistro vitícola, un instrumento necesario para coñecer a situación actualizada da viticultura co fin de acadar unha óptima dinamización do sector e de garantir o correcto funcionamento da Organización común do mercado vitivinícola como elemento de control do potencial de produción no País.

Esta exposición pública ten como finalidade a validación polos viticultores dos datos recadados no rexistro actualizado, que poderán contar co asesoramento técnico para verificar e completar, de ser o caso, as identificacións correspondentes. Aqueles viticultores que o desexen poderán modificar, cando sexa preciso, estes datos co fin de plasmar fielmente e manter actualizada a situación da viticultura galega neste documento.

A exposición pública realizarase mediante o desenvolvemento e implementación do software e equipamento necesarios, cun plan de formación destinado aos técnicos, cunha comprobación das novas fichas vitícolas de acordo cos planos recollidos nos expedientes administrativos das autorizacións das superficies de viñedo e cunha proba previa á posta en marcha do plan nunha cooperativa vitivinícola para comprobar que se axusta ás necesidades dos usuarios. Desenvolverase ademais unha campaña divulgativa co obxecto de difundir información de interese sobre o Rexistro vitícola para o sector.

A Subdirección xeral de Explotacións Agrarias realiza traballos preparativos para a posta en marcha desta campaña sobre adecuación específica dunha aplicación informática e sobre a disposición de recursos materiais e humanos. Emprenderanse durante o primeiro semestre de 2006 en Lugo e en Ourense, mentres que nas provincias da Coruña e de Pontevedra, se os traballos do MAPA se adaptan ao prazo establecido, podería expoñerse publicamente durante o primeiro semestre do ano seguinte.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia