Skip to main content

A Secretaría Xeral de Emigración fomentará o autoemprego entre inmigrantes e emigrantes retornados a través de Convive+

A Secretaría Xeral de Emigración está a traballar, xunto con outras once entidades, no desenvolvemento do Proxecto CONVIVE+ (Migracións, Autoemprego e Integración Social) cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través da Iniciativa Comunitaria EQUAL, que investirá 1.346.397 euros no período 2005-2007.

Precisamente esta semana, técnicos da Secretaría se reunían con representantes das entidades asociadas para avanzar nos procedementos de traballo, coordinación e execución das actividades que realizará cada socio. Ademais, no decurso da xuntanza presentouse unha ferramenta WEB específica elaborada polo IGAPE que ten como obxectivo facilitar a primeira fase do traballo en equipo e a coordinación entre as entidades asociadas, vía INTERNET. Nos vindeiros meses estarán en marcha as distintas accións de sensibilización, formación, titoría e apoio para o autoemprego e creación de empresas.

Obxectivos

CONVIVE+ é un proxecto da Iniciativa Comunitaria EQUAL do Fondo Social Europeo (FSE), destinado a fomentar a creación de empresas, sobre todo de economía social, entre emigrantes retornados e inmigrantes, especialmente mulleres, que residen nas provincias da Coruña e Pontevedra, por tratarse dos territorios cunha maior presenza destes colectivos en Galicia.

O propósito principal do proxecto CONVIVE+ é conxugar a experimentación de novos métodos de integración sociolaboral das colectividades emigrantes co desenvolvemento social e económico de Galicia. As mellores prácticas resultantes serán transferidas ás políticas xerais das administracións públicas con competencias na materia.

Investimento e socios

O proxecto ten un custo total de 1.346.397,00 euros, dos que un 75% (1.009.797,75 euros) serán cofinanciados a cargo do Fondo Social Europeo e o resto polas entidades asociadas no proxecto que son, ademais da Secretaría Xeral de Emigración que encabeza a iniciativa, a Fundación Galicia Emigración, as deputacións da Coruña e Pontevedra, o Servizo Galego de Igualdade, a Universidade da Coruña, a Fundación da Universidade da Coruña, Cáritas Diocesana, a Federación de Asociacións de Emigrantes Retornados, a Federación de Asociacións de Inmigrantes, o IGAPE e Caixa Galicia. Tamén colaboran a patronal española da economía social CEPES e a Confederación Galega de Minusválidos COGAMI. CONVIVE+ conta tamén cunha entidade asociada italiana como socio transnacional. O proxecto transnacional deseñado entre ambos denomínase EDEN.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia