Skip to main content

Emilio Pérez Touriño anuncia que a primeira lei que aprobará o Goberno galego será a de transparencia

“Quero anunciar e comprometer que a primeira lei que presentará e aprobará o Goberno da Xunta de Galicia será a Lei de Transparencia”. Este é o anuncio realizado polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, logo de reunirse, no seu despacho de San Caetano, co conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia, Luciano Fariñas.

A Lei de Transparencia, que será aprobada polo Consello da Xunta neste último trimestre do ano, será unha norma, en palabras de Pérez Touriño “que garanta, normalice e regularice un código de conduta dos altos cargos da Xunta de Galicia”, unha lei, engadiu “que clarifique e dea transparencia a todo o sistema de contratación e de adxudicación de obra pública”. A norma tamén vai permitir dar transparencia á regulación das compatibilidades ou incompatibilidades dos altos cargos da Administración autonómica.

O presidente da Xunta sinalou se trata da primeira lei que vai aprobar o Goberno galego e “que permita, na relación entre poder e cidadanía, que dea a pauta dunha sociedade democrática, avanzada e moderna como é Galicia”.

“Dixen que queriamos facer un exercicio de cambio, que sexa, ante todo, de modernidade política e a modernidade pasa por depositar a confianza plena nunha cidadanía responsable en un poder político que actúa con transparencia, con rigor e próximo á cidadanía”, sinalou o titular do Goberno galego. De aí que a primeira lei que vai aprobar a Xunta se basea precisamente na transparencia, no rigor e na claridade que debe rexer o exercicio da función pública.

Lei de Subvencións e Lei de Publicidade Institucional

Neste mesmo sentido, o máximo mandatario autonómico tamén anunciou a presentación, no primeiro trimestre de 2006, dunha Lei de Subvencións “que garanta a eficacia, a transparencia e a equidade nas subvencións da Xunta de Galicia e na tramitación das mesmas”. Trátase, segundo indicou Pérez Touriño, de realizar un seguimento e avaliación final da utilidade pública destas subvencións.

“Quero que o cambio signifique o final da economía da subvención, do clientelemiso, que signifique a aposta por unha sociedade civil emerxente, madura e emprendedora”, sinalou o titular do Goberno autonómico, “por iso –proseguiu- a Lei de Transparencia será a primeira, lle seguirá unha Lei de Subvencións e finalmente, unha Lei de Publicidade Institucional que debe regular e someter a control a publicidade institucional realizada pola Administración pública, pola Xunta de Galicia”, concluíu.

Medidas establecidas xa nos Orzamentos

Así mesmo, na súa intervención o presidente da Xunta lembrou que, nos Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma, aprobados polo Goberno galego e que serán presentados o vindeiro luns no Parlamento autonómico, xa se reflicte ese exercicio de “transparencia permanente, de claridade e de rigor no exercicio da función pública” que vai presidir a actuación do Goberno da Xunta.

Neste sentido, Pérez Touriño sinalou que as Contas da Comunidade Autónoma establecen a creación dun rexistro de axudas, convenios e subvencións que garante a publicidade das mesmas e, polo tanto, “o control sobre todo ese caudal de recursos públicos que se xestionan por vía de axuda, convenio ou subvención”.

De igual xeito, e derivado da medida anterior, tamén se vai crear un rexistro público de sancións, onde se contemplen todos aqueles incumprimentos das normas.

Por último, os Orzamentos da Xunta para 2006 conteñen os epígrafes correspondentes aos convenios, subvencións e axudas da Xunta aos concellos da Comunidade galega.

Transparencia e claridade no exercicio da función pública

“Repito que o cambio en Galicia ten que, en primeiro lugar, ser unha aposta e un exercicio de cambio en relación entre o poder político, entre a Xunta de Galicia e a cidadanía, un cambio no sentido da transparencia no exercicio da función pública”, asegurou Pérez Touriño. Por iso, engadiu, “creo que é fundamental que os cidadáns de Galicia saiban que o Goberno do cambio, cada euro gastado, xestionado polo poder político, pola Xunta de Galicia, será un euro sometido a un control de eficiencia e de eficacia, a unha avaliación permanente da súa utilización”, sentenciou.

Consello de Contas

Durante a reunión mantida co conselleiro maior do Consello de Contas, Luciano Fariña, o titular do Goberno galego tivo a oportunidade de analizar a perspectiva e a avaliación deste órgano fiscalizador en relación co funcionamento e a eficacia da administración autonómica.

Emilio Pérez Touriño, salientou que o conselleiro de Economía xa asumiu o compromiso de presentar un plan de traballo destinado a tratar de asumir as principais recomendacións recollidas polo Consello de Contas. Recomendacións, fundamentalmente, dirixidas ao Sergas, á necesidade de mellorar a contabilidade do Sergas e o control do gasto, e á necesidade de establecer un maior control na utilización dos fondos europeos, avanzando nunha “mellora clara” na utilización destes recursos.

Emilio Pérez Touriño remarcou que desde a Consellería de Economía se vai elaborar un plan que permita mellorar a xestión das contas da Xunta de Galicia en relación con todos estes asuntos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia