Skip to main content

Emilio Pérez Touriño anuncia que o Plan Ferrol contará cunha dotación orzamentaria da Xunta de 3,5 millóns de euros

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, anunciou “o nacemento formalizado” do Plan Ferrol. O mandatario galego manifestou o compromiso da Administración autonómica de poñer en marcha e dar cobertura orzamentaria a esta iniciativa. Segundo asegurou Pérez Touriño “os orzamentos que o Consello da Xunta aprobaron o pasado xoves e que inician a súa tramitación parlamentaria” establecen unha partida de 3,5 millóns de euros “para poñer en marcha” as primeiras pedras do nacemento deste plan.

Durante a inauguración do treito de Alta Capacidade de Ares-Mugardos, o titular da Xunta sinalou que o Plan Ferrol, que nace da iniciativa da cidadanía desta comarca, “ten que ser capaz de unir vontades para facer unha aposta pola innovación e o desenvolvemento tecnolóxico, para mellora da asociación entre o esforzo universitario e empresarial e dar o pulo necesario e dinamizador” a este territorio.

Neste sentido, indicou que a xestión destes fondos se realizará dende a Consellería de Economía, a través do IGAPE, en colaboración coas outras áreas do Goberno galego implicadas -Política Territorial, Innovación e Industria e Vivenda-. Do mesmo xeito, Touriño lembrou que a esta partida do Goberno galego haberá que sumar a achega do Estado, a través de incentivos e créditos contemplados nos orzamentos españois.

Comarca especialmente castigada

Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico manifestou que Ferrol e a súa área de influencia “teñen sufrido o proceso de desindustrialización, reaxustes industriais, regresión demográfica, e perda de emprego”. “Ferrol ten sufrido avatares no campo da política económica e social que lle fixeron perder peso, posibilidades e futuro”, sinalou Touriño. Neste sentido, manifestou a vontade e o compromiso do Goberno da Xunta por potenciar esta zona e amosouse confiado e optimista ante o futuro. “Ferrol ten diante de si unha esperanza e un futuro alentador”, dixo, lembrando que nos últimos tempos se teñen producido importantes avances na cualificación dos recursos humanos, na conectividade de toda a área e na implantación de tecido industrial e no reforzo de proxectos como a implantación da planta de Reganosa ou no propio ciclo combinado das pontes.

Touriño sinalou que “este é o camiño” no que hai que traballar, e apostou por seguir potenciando a creación de solo industrial e culminar os proxectos en infraestruturas máis importantes para a área metropolitana de Ferrol, como a autovía do Cantábrico, a vía Cabreiros-Vilalba e o corredor que una a área metropolitana ferrolá con Cervo.

“A Galicia do futuro, a que queremos construír, ten que ter na área metropolitana de Ferrol, unha plataforma de referencia indubidable”, manifestou Touriño. “Ferrol ten que ter e terá un horizonte de futuro e esperanza de creación de emprego, de fixación de poboación e de iniciativas no seu territorio”. Por iso, concluíu, dende a Xunta “apostamos por Ferrolterra”.

Vía de alta capacidade

O treito de vía de alta capacidade inaugurado hoxe, Ares-Mugardos vai permitir unir os concellos do entorno, facilitará o tránsito das mercancías perigosas ao unir as instalacións industriais de Punta Promontoiro e a A-9, e potenciará a comunicación cos grandes núcleos de poboación de Galicia e mesmo do resto de España.

Os desprazamentos dos máis de 700 vehículos pesados que cada día circulaban polas estradas AC-122 e AC-133 e a incorporación dos case 8.000 vehículos diarios que circularán pola nova vía constitúen un avance significativo para o desenvolvemento da zona.

Trátase dun treito de 6,5 quilómetros de lonxitude, que contou cun investimento de 12.836.877 euros e que se rematou catro meses antes dos 32 previstos ao inicio da obra.

No acto de inauguración desta mañá tamén participaron, entre outros, a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride, e os alcaldes de Fene, Ares e Mugardos.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia