Skip to main content

Innovación e Industria apoiará o dominio galego en Internet

A directora xeral de Promoción Industrial e Sociedade da Información, Elena Veiguela, afirmou no Parlamento que o actual Goberno galego ten previsto “apoiar de forma activa e sen reservas” a Plataforma que a sociedade galega bote a andar para que Galiza conte cun dominio análogo ao que conqueriu Cataluña. Elena Veiguela respondía desta maneira a unha pregunta parlamentaria formulada polo grupo do Partido Popular sobre a creación da plataforma que impulsaría un dominio similar ó .cat catalán.

A directora de Promoción Industrial e Sociedade da Información afirmou tamén que no acordo de goberno subscrito polos actuais dous partidos gobernantes xa se dispoñía o obxectivo de establecer o dominio galego de nomes en Internet.

Elena Veiguela recordou que para o logro deste dominio, “dos denominados patrocinados”, é preciso a creación dunha plataforma asociativa como a desenvolta en Cataluña, que se xestou ao redor do centro de interese Lingua e Cultura Catalanas e presentou a proposta ao ICANN (Corporación para a Asignación de Nomes e Números na Internet), con apoio de membros dos cinco continentes. Neste sentido, Veiguela sinalou que a Consellería de Innovación e Industria, da que depende a dirección xeral de Sociedade da Información, ten constancia da existencia de movementos sociais en Galiza para a creación desta plataforma que leve a conseguir o dominio galego.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia