Skip to main content

Emilio Pérez Touriño salienta que os orzamentos da Xunta dedican máis de 5.800 millóns de euros a políticas sociais

“Case o 60 por cento dos recursos, máis de 5.000 millóns de euros, teñen un obxectivo claro: o compromiso social”, asegurou o titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño. En concreto, o máximo mandatario autonómico sinalou que, dos 9.911 millóns que recollen os Orzamentos da Xunta para 2006, 5.827 millóns de euros irán destinados ás políticas sociais, para a mellora do emprego, a sanidade, a educación e os servizos sociais, “un obxectivo prioritario” do Goberno galego.

Trátase, segundo indicou Pérez Touriño, dunha aposta a favor “daquelas políticas que permiten facer máis iguais aos cidadáns, con máis igualdade de oportunidades”, unha aposta polas “políticas de solidariedade, de equilibrio e cohesión social”. Así o asegurou o presidente da Xunta nun almorzo con xornalistas das radios galegas.

Vocación de cambio

“En síntese –remarcou o titular do Goberno galego- estes Orzamentos teñen esa marcada vocación de cambio no que é a aposta polo crecemento e a innovación, a mellora da produtividade para crear emprego, primeiro elemento central, e a partir de aí un importante esforzo redistributivo en relación á sanidade, á educación, ás políticas de emprego e ás políticas de servizos sociais”.

“Creo que moi dificilmente podiamos pensar en facer uns orzamentos que tivesen máis vocación de reequilibrio social, de reequilibrio territorial, de cohesión social e territorial que os que acabamos de presentar”, engadiu o máximo mandatario galego quen tamén se referiu a que as Contas da Xunta para 2006 non son “de merca continuidade” senón que “cumpren con todos os parámetros de cambio” anunciados.

Neste mesmo sentido Emilio Pérez Touriño lembrou que todos “os enunciados e os compromisos adquiridos por este Goberno e por quen o preside teñen o seu reflexo, practicamente, ao 100 por cen nos orzamentos” e que, despois de presentar as Contas na Cámara galega o Goberno da Xunta “sae fortalecido”.

Emprego

“Xa dixen –sinalou o titular do Goberno autonómico- que a política máis importante desde o punto de vista da cohesión social e da igualdade de oportunidades é a política de emprego”. Por iso, sinalou, “o obxectivo prioritario da acción deste Goberno é a creación de emprego estable e de calidade” e “case todo o orzamento está orientado nesta dirección”.

Nesta liña, Emilio Pérez Touriño explicou que as políticas de fomento de emprego e de fomento da contratación indefinida teñen “unha contía e un incremento substancial dentro do que poden ser as marxes orzamentarias”, pero todo o esforzo orzamentario en crecemento, en innovación e en produtividade vai encamiñado a lograr ese obxectivo: “mellorar a competitividade económica e, polo tanto, a posibilidade de crear emprego”.

De feito, o Goberno galego espera que no vindeiro ano se creen un total 31.000 postos de traballo, para o que destina un total de 299 millóns de euros dos seus orzamentos, o que representa un incremento do 18,74 por cento.

Sanidade

Así mesmo, o investimento sanitario da Xunta para 2006 sitúase en 3.157 millóns de euros, o que representa un incremento do 11,68 por cento. “Hai recursos por riba dos 300 millóns de euros adicionais sobre o orzamento anterior”, subliñou o titular do Goberno autonómico, quen indicou que se trata “dun esforzo substancial” para mellorar a sanidade. Este “volume de recursos significativos” vaise traducir na mellora da atención primaria, na redución das listas de espera e na mellora na asistencia sanitaria.

Educación

Polo que respecta á educación, “o segundo gran vector de igualdade”, segundo Pérez Touriño, absorbe un crecemento “por primeira vez na historia da nosa Comunidade”, por enriba do propio crecemento orzamentario.

“Este ano, no primeiro ano do Goberno do cambio, os primeiros Orzamentos da Xunta de Galicia representan un incremento por enriba do 9%” (o 9’19%) en materia de educación, o que supón un investimento total que ascende a 1.936 millóns de euros. Estas partidas irán destinadas a mellorar a calidade da ensinanza, a financiar a gratuidade dos libros de texto, a subvencionar a compra de ordenadores e a crear bolsas para a aprendizaxe dun idioma estranxeiro.

Servizos Sociais

Así mesmo, outro dos obxectivos prioritarios do Goberno da Xunta en materia de política social é a creación dunha rede de servizos sociais, onde se prima a creación de escolas infantís, con 2.000 prazas novas no 2006, xunto co incremento de centros de día, asistencia a domicilio e centros de terceira idade, onde se prevé tamén un incremento de prazas, arredor de 500, respectivamente.

Neste capítulo, o titular do Goberno galego anunciou que os orzamentos da Xunta prevén un investimento de 435 millóns de euros, o que supón un incremento do 13,71 por cento. O obxectivo é que toda Galicia, no horizonte desta lexislatura, conte cunha rede de servizos sociais universal “cun esforzo a tres partes: da Comunidade Autónoma, da Administración central do Estado e dos propios cidadáns”.

Incremento do aforro

O presidente da Xunta tamén salientou que nas Contas do Goberno autonómico para 2006 o aforro medra un 13 por cento e que, sobre esta base de aforro orzamentario, se pode financiar un crecemento de gasto “significativo e importante”. “Os orzamentos supoñen un crecemento importante, substancial e significativo”, remarcou Pérez Touriño.

Audiencia con colectivos sociais da Comunidade

O titular do Goberno autonómico reuniuse, no seu despacho de San Caetano, cos representantes de dous colectivos sociais da Comunidade: os representantes de Fademga, a Federación de Asociacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual e os responsables de Cogami, a Confederación Galega de Minusválidos, a quen lles explicou, pormenorizadamente, as partidas en materia social que recollen os Orzamentos do vindeiro ano.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia