Skip to main content

A Xunta porá os medios necesarios para que non se incumpra a normativa relativa ás bandeiras oficiais

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, declarou que o Goberno porá todos os medios necesarios para que non se repita o posible incumprimento da normativa vixente relativa á presencia das bandeiras española e galega nos actos oficiais. En resposta a unha pregunta oral no Parlamento, o titular da Consellería incidiu sobre a necesidade de ter un tratamento respectuoso coa legalidade, pero co “compromiso de non facer das cuestións simbólicas elementos de división”.

Segundo Méndez Romeu, “o Goberno galego ten un compromiso inequívoco co marco constitucional, con todo o que iso significa”, e no caso da Lei de símbolos “é consciente de que unha sociedade moderna necesita dun certo grado de tolerancia cando falamos de casos singulares”. Sinalou que as tomas de posesión de altos cargos nas que non estaban correctamente as bandeiras foron soamente tres casos illados, nos que “non consta que fora una actuación deliberada de ofensa aos símbolos vixentes nin unha decisión premeditada por parte fas forzas políticas; pola contra, houbo unha clara manifestación dos responsables políticos que conforman o goberno de respecto absoluto ao significado dos símbolos”.

O conselleiro explicou que “a aceptación dos símbolos debe ser un proceso de convencemento e non soamente un proceso de imposición”, e que estes son respectados “na medida en que cumpren a función de aglutinante do corpo social”. Así mesmo, asegurou que o Goberno galego, en todos os edificios públicos e en todos os actos solemnes, procede sen escusa algunha de acordo co ordenamento vixente.

Axuda humanitaria en El Salvador e Paquistán

Doutra banda, o conselleiro respondeu a unha pregunta oral sobre as previsións do Goberno galego para prestar axuda humanitaria aos países de Centroamérica e Paquistán afectados respectivamente polas catástrofes ocasionadas polo furacán Stan e polo recente terremoto.

No concernente ao furacán, Méndez Romeu explicou que o 4 de outubro a Axencia Humanitaria de Galicia realizou a primeira avaliación de necesidades sobre a entón tormenta tropical Stan e as súas consecuencias na República de El Salvador, e que o día 12 do mesmo mes púxose en contacto coa Axencia Española de Cooperación Internacional (AECI), con que colaborou aportando 25.000 euros en axuda sanitaria. Así mesmo, o 17 de outubro enviouse novo material humanitario de emerxencia, e na actualidade estanse a preparar novos stocks de material médico.

Sobre o terremoto acontecido no sur de Asia, o 8 de outubro, data en que se produciu o sismo, a Axencia Humanitaria de Galicia, púxose en contacto coa Dirección Xeral de Cooperación Exterior para pór á súa disposición os equipos humanos e materiais que fosen necesarios; e o día 10 quedou establecido un equipo complementario por se fora necesario mandalo o lugar, así como novos medios materiais, segundo explicou o titular de Presidencia.

Méndez Romeu sinalou que en total, os gastos destinados a paliar os efectos do Stan e do terremoto no sur de Asia ascenden a 65.000 euros en material médico farmacolóxico, ademais dos equipos humanos preparados para intervir. O conselleiro subliñou tamén que no proxecto de orzamentos para o 2006 “esta situación ten un tratamento diferenciado, na medida en que se incrementan notablemente os orzamentos para cooperación exterior e de xeito singular crease unha partida para a Fundación da Axencia Galega de Axuda Humanitaria que permita unha resposta inmediata con recursos propios nunha situación de emerxencia”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia