Skip to main content

Pérez Touriño anuncia que a Xunta presentará no primeiro semestre de 2006 un Plan de Seguridade Vial para reducir ao máximo a siniestralidade

O titular do Goberno autonómico, Emilio Pérez Touriño, anunciou no Parlamento de Galicia que os orzamentos destinados á conservación da rede de estradas na Comunidade Autónoma incrementaranse en 2006 un 70,54 por cento coa intención de paliar a sinistralidade viaria e que a Xunta de Galicia está a traballar nun Plan de Seguridade Vial, que se presentará á Cámara no primeiro semestre de 2006, e que contará cunha dotación inicial superior aos 31 millóns de euros.

Segundo indicou Touriño en resposta a unha pregunta do Grupo Parlamentario Socialista, a sinistralidade nas estradas é “unha problemática complexa” que “está condicionada por múltiples factores” e que necesita una resposta “transversal” por parte da Administración autonómica. Entre os factores que sinalou atópanse, en primeiro lugar, “as condicións das vías e do seu contorno”. Precisamente, o xefe do Executivo autonómico resaltou que os Orzamentos para 2006 contemplan unha dotación de 28.154.768 euros para a conservación da rede de estradas da Comunidade galega, acadando un incremento de 11.645.940 euros (70,54%) respecto de 2005.

Así mesmo, anunciou que o ano que vén se sextuplicarán as partidas de 2005 encargadas da eliminación de tramos de concentración de accidentes, conflitivos e potencialmente perigosos na rede viaria galega, acadando un investimento total de 3,6 millóns de euros en 2006. Para Touriño, “o tratamento orzamentario que tivo nestes últimos anos este tipo de actuacións deixa bastante que desexar”.

Entre outros factores, apuntou á conservación dos vehículos e á formación e comportamento dos condutores e peóns como outros dos elementos a ter en conta para mellorar a seguridade nas estradas.

Emilio Pérez Touriño manifestou o seu desexo de que o Plan de Seguridade Vial acade o “apoio unánime” da Cámara autonómica, de modo que se logre o compromiso non só da Xunta e do seu presidente, senón tamén a implicación da administración central, os concellos e da sociedade civil.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia