Skip to main content

Política Lingüística e a Fiscalía do TSXG abordarán o desenvolvemento do Plan de Normalización na Administración de Xustiza

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vai poñer en marcha unha serie de medidas en colaboración coa Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para abordar a normalización lingüística neste ámbito. A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, mantivo unha xuntanza co fiscal xefe do TSXG, Carlos Varela, para abordar a próxima sinatura dun convenio que permita desenvolver diferentes accións.

O Plan de Normalización Lingüística aprobado en setembro de 2004 establece, no que se refire á Administración de Xustiza, a galeguización, para o ano 2006, dos programas informáticos de xestión e dos formularios de uso cotián que deberán estar presentes en todos os órganos xudiciais de Galicia. Tamén está previsto elaborar materiais terminolóxicos en galego e establecer os circuítos para difundilos.

O obxetivo último é conseguir que a todos os cidadáns se lles ofreza a posibilidade de seren atendidos en galego e a capacitación lingüística para todas as persoas que traballan na administración de xustiza.

A secretaria xeral de Política Lingüística expresou a súa vontade de “eliminar atrancos para que os cidadáns poidan exercer con naturalidade os seus dereitos lingüísticos”. Marisol López avogou pola acción conxunta do seu departamento e da Fiscalía do TSXG para vencer as resistencias que aínda persisten neste ámbito.

Pola súa banda, o fiscal xefe do TSXG explicou que “deben artellarse medios técnicos, como tradutores informatizados e ferramentas de xestión que permitan garantir a cooficialidade do galego na Fiscalía”, e avogou por estender estas medidas a avogados, procuradores, ao corpo xurídico da Xunta e aos demais membros da administración de xustiza.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia