Skip to main content

O conselleiro de Traballo comprométese a colaborar na promoción da economía social e no fomento do asociacionismo

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, asinou senllos convenios de colaboración coas unións de cooperativas AGACA, UGACOTA, UCETAG, EIXO e coa federación de empresas cooperativas SINERXIA. O titular de Traballo sinalou que a vontade do departamento que dirixe é traballar “a prol da promoción da economía social e do cooperativismo, porque nos parecen xacementos de emprego moi importantes para o país e pensamos que hai que defendelos e impulsalos”.

Con estes convenios de colaboración, que supoñen unha dotación total de case 300.000 euros, avánzase nun dos retos da Consellería, “ver como medran fórmulas empresariais de cooperativismo na nosa sociedade, nun momento no que impera a deslocalización e o despoboamento do medio rural”.

O conselleiro de Traballo asegurou estar moi satisfeito coa sinatura dos convenios, xa que “se poñen en marcha proxectos e iniciativas novidosas, como é o caso do programa “Aprendo a emprender”, unha actividade que chegará ata os centros de ensino secundario co fin de impulsar a cultura emprendedora, e sen esquecer a previsión social e os plans de pensión para cooperativas de traballo asociado”.

A subvención parcial dos gastos de funcionamento destas entidades e o financiamento para a súa adaptación as novas tecnoloxías, a través de programas e acordos, son as ferramentas básicas para impulsar o fomento e consolidación do asociacionismo cooperativo, “sobre todo dentro do cooperativismo agrario”, segundo declarou Varela.

Con motivo da sinatura destes convenios de colaboración con estas cinco entidades, Ricardo Varela eloxiou o papel que xogan as asociacións de cooperativas dentro do desenvolvemento socieconómico. Neste senso Varela destacou a función desempeñada polo Consello Galego de Cooperativas, organismo adscrito á Consellería, o cal “constitúe o mellor marco de encontro entre a Administración Autonómica e as organizacións de cooperativas”. Por iso, segundo afirmou Varela “está previsto que a través do Consello se canalicen as distintas actuacións a levar a cabo no marco dun gran Acordo galego para o Cooperativismo e a Economía Social”.

Fomento do asociacionismo

Os convenios asinados entre a Consellería de Traballo e as distintas cooperativas apostan polo impulso do asociacionismo e o fomento do uso das novas tecnoloxías. En concreto, a axuda asinada coa cooperativa AGACA recolle unha partida para a elaboración e distribución da revista da Asociación Cooperativa Galega e para a celebración do seminario “Reflexións sobre o futuro das cooperativas”, así como para a elaboración do “X Informe sobre a xestión e o estado económico do cooperativismo agrario”.

As xornadas e congresos preséntanse como outra das ferramentas para concienciar a sociedade sobre as posibilidades do cooperativismo, polo que o departamento que dirixe Ricardo Varela asinou con UGACOTA, unha axuda para financiar a celebración da VIII Xornada técnica para cooperativas de traballo asociado, e os gastos do Proxecto de integración do asociacionismo cooperativo de traballo asociado galego.

Por outro lado, a cantidade concedida a UCETAG destinarase á elaboración e publicación dun directorio de cooperativas de ensino en Galicia. Mentres que, a cooperativa EIXO levará a cabo iniciativas novidosas, tal e como apuntaba o conselleiro, como o programa “Aprendendo a emprender”, destinado aos alumnos dos centros de ensino secundario.

Un dos obxectivos das axudas é traballar a prol da implantación das novas tecnoloxías, por iso, a consellería de Traballo colaborará no financiamento da elaboración da edición dixital da revista da asociación Elos Cooperativos, así como a celebración de diversas xornadas de promoción e de divulgación do cooperativismo en varios concellos de Galicia, a cargo da federación de empresas cooperativas SINERXIA.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia