Skip to main content

Rubén Ruibal Armesto gaña o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2005 coa obra Limpeza de sangue

Lidos un total de 15 orixinais, o xurado –integrado por Laura Tato, profesora da área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, como presidenta; e por Camilo Franco, crítico teatral; Antón Lopo, xornalista e autor gañador da anterior edición do Álvaro Cunqueiro; e Francisco Pillado, editor e autor, como vogais– adoptou por maioría declarar a devandita obra, presentada baixo o lema Blood makes noise (O sangue fai ruído) Suzanne Vega, como gañadora da décimo cuarta edición deste premio, o de máis longa traxectoria de todos os que se convocan no ámbito da dramaturxia galega.

O galardoado recibirá unha dotación económica de 6.025 euros e a súa obra será publicada dentro da colección Os libros do Centro Dramático Galego, que coeditan o IGAEM e Edicións Xerais. Ademais, o Instituto conservará durante dous anos os dereitos de representación deste texto, co obxectivo de apoiar a súa posta en escena.

Drama sen concesións

En palabras do propio autor, Limpeza de sangue é un drama sen concesións que desenvolve, con toda a súa crueza, a historia de dous personaxes, de posicións sociais moi diferenciadas, que coinciden na sala de diálise dun hospital.

Dramaturgo, actor e director teatral, Rubén Ruibal (Ribadeo, 1970) é o autor doutras dúas obras teatrais: Fume (koürr), que escribiu xunto a Carlos Losada en 1999 e que conta cunha edición dixital en www.salanasa.com.ficheiros/Fumecachuzo.pdf, e Insomnio (2004), aínda inédita. Ambas as dúas foron estreadas por Teatro Cachuzo baixo a súa dirección.

Vinculado á compañía Teatro do Aquí dende 1994, formou parte dos elencos dos espectáculos Camiño Longo (2004) –da que tamén foi codirector, xunto a Belén Quintáns e Xoán Carlos Mejuto–, Animaliños (2002), Criaturas (2000), Rastros (1998), Anxeliños (1997), Oé, oé, oé (1996), O desengano do Priorio (1996), Touporroutou da lúa e do sol (1994) e A ópera do patacón (1994).

Foi, así mesmo, axudante de dirección de Roberto Vidal Bolaño en Doentes (1998) e en Sen ir máis lonxe (1999), para Teatro do Aquí, e en Xelmírez ou a gloria de Compostela (1999), para o Centro Dramático Galego, compañía coa que tamén traballou como actor no espectáculo Rosalía (2001).

A súa traxectoria escénica complétase con diferentes labores como actor, técnico de luces, escenógrafo e monitor en grupos como a Aula de Teatro da Universidade de Santiago (1992-1994), Teatro Universitario da Coruña (1988-1990), Escola de Teatro Danthea (1984-1987) e O Facho (1983).

Rubén Ruibal pasa agora a integrar a relación de gañadores do Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, da que tamén forman parte Roberto Salgueiro (1988, 2000 e 2002), Euloxio R. Ruibal (1989), Agustín Magán (1990), Roberto Vidal Bolaño (1991), Xosé Cid Cabido (1992), Manuel Riveiro Loureiro (1993), Raúl Dans (1994), Afonso Becerra (2001), Siro López (2003) e Antón Lopo (2004).
Gabinete de Comunicación do Igaem