Skip to main content

A Xunta encarga un informe económico-financeiro para analizar a fondo as contas da comunidade dos anos 2004 e 2005

O presidente do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, informou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que o Goberno galego encargará un estudo da situación económica e financeira da Comunidade Autónoma de Galicia nos anos 2004 e 2005. O informe será elaborado por unha unidade técnica especial dependente do departamento de Intervención Xeral da Xunta. Acordouse tamén a creación dunha comisión de expertos de “recoñecido prestixo académico e profesional” que terá a función de asesorar e validar este traballo. Os seus membros realizarán, segundo afirmou o presidente, un “control externo” co obxectivo de aportar garantías de “independeza e certeza”.

O informe que, segundo anunciou Touriño, estará rematado o 30 de abril, permitirá analizar a fondo as contas de Galicia, tanto do pasado como do presente exercicio económico. Emilio Pérez Touriño explicou que a elección desta data ven determinada pola posibilidade de traballar cos orzamentos de 2005 xa liquidados. Deste xeito “teremos unha análise real sobre datos concretos”.

O máximo mandatario da Xunta indicou con este proxecto dáse resposta a un compromiso realizado polo Goberno galego no Parlamento o pasado mes de setembro. Nese mes, o titular de Economía ofreceu un primeiro informe, con carácter preliminar, da situación económica da Comunidade Autónoma.

No estudo previo detectouse un remanente negativo de 485 millóns de euros en relación ao ano 2004 e adiántabase unha previsión de déficit de 100 millóns. Neste sentido, o presidente do Executivo dixo que, ante estas cifras, “é preciso coñecer con claridade a situación”. Así mesmo, puntualizou que “estamos facendo aquelo que nos parece prudente posto que temos unha herdanza económica que debemos coñecer tanto a Administración como a cidadanía”.

Insistiu ademais que as conclusións do informe permitirán, “se se dese o caso”, revisar o o acordo establecido co Goberno central no Plan de Saneamento Financeiro.

Mellora da situación financiera da Xunta

Respecto ás cifras manexadas no endebedamento das comunidades autónomas, o titular do Goberno galego asegurou que os novos orzamentos permitirán que a ratio entre a débeda e o PIB mellore, xa que este último medra en comparación co endebedamento anunciado na presentación dos orzamentos do próximo ano.

Tamén destacou o crecemento da ratio entre a deuda e o aforro da comunidade, xa que o aforro é superior no crecemento ao endebedamento que se xenera, un aspecto que “permitirá mellorar a nosa situación económico-financieira”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia