Skip to main content

O presidente da Xunta salienta a carga mítica e a forza expresiva e desacougante da obra de Frida Kahlo, que se mostra por primeira vez en España

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, salientou a “carga mítica” e a “forza expresiva e desacougante” que caracterizan a obra de Frida Kahlo durante a inauguración da exposición sobre a pintora mexicana organizada pola Fundación Caixa Galicia. O máximo mandatario autonómico cualificou esta exhibición como o “acontecemento artístico máis relevante deste ano” na comunidade, pois constitúe a primeira mostra da obra de Frida Kahlo en España.

Segundo manifestou o presidente, as 26 obras da colección Dolores Olmedo supoñen un “agasallo a Galicia” dado que permiten observar o “universo torturado” da gran pintora mexicana “con toda a súa carga mítica, con toda a súa forza expresiva e desacougante, testemuña dunha muller de lenda que ispe o seu corpo ferido e a súa alma atormentada”. Por esta razón, agradeceu aos herdeiros da mecenas mexicana a oportunidade brindada a Galicia de acoller por primeira vez en España unha mostra sobre Frida Kahlo.

Na súa opinión, a exposición revela o valor pictórico da obra de Frida Kahlo ás veces eclipsado pola lenda da propia pintora mexicana e pola “sombra xigantesca” de Diego Rivera, “o seu compañeiro de amor tormentoso e militancia”. “Frida Kahlo, na esfera da pintura universal, ten voz e paleta propias, que conmoven co seu berro desgarrado e atroz”, remarcou.

Débeda de gratitude

Emilio Pérez Touriño aproveitou a inauguración da exposición para recoñecer a “débeda de gratitude” que Galicia ten con México, “terra de acollida para miles de emigrantes, entre os que sobresae a figura esgrevia de Ramón María del Valle Inclán” así como o cineasta Carlos Velo, “o primeiro que levou á pantalla o Pedro Páramo de Juan Rulfo”.

O presidente da Xunta lembrou que o país mexicano foi tamén unha “segunda patria” para miles de republicanos españois e galegos exiliados por mor do réxime franquista “que deixaron alí o mellor da súa arte e da súa ciencia e que reforzaron a pinto que nos une con toda a América latina”. Neste senso, non quixo deixar de manifestar o agradecemento de todos os galegos ao presidente Lázaro Cárdenas, “o home que abriu as portas aos transterrados españois”.

Finalmente, o máximo mandatario galego fixo un chamamento a tódolos galegos “sensibles á obra de arte” a aproveitar “a oportunidade” que brinda a mostra sobre Frida Kahlo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia