Skip to main content

A Piscifactoría de O Carballiño contará cun centro de interpretación do ecosistema fluvial

A piscifactoría de O Carballiño contará cun centro de interpretación do ecosistema fluvial. Este centro construirase no edificio que foi ata agora o almacén desta piscifactoría pública da provincia de Ourense, segundo anunciou o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, durante a visita que realizou ás obras que se están a facer nestas instalacións.

Unha vez rematadas as obras que se levan a cabo actualmente, a piscifactoría seguirá exercendo un papel importante na cría de troita común, co obxectivo de realizar repoboacións nas masas piscícolas de interese especial. Esta figura está contemplada na Lei de Pesca Fluvial, e vai a ser potenciada nos diferentes ríos de Galicia como un medio para incrementar a súa riqueza piscícola.

Asemade, procederase a reformar o laboratorio, coa finalidade de actualizalo e conseguir que poida cumprir os cometidos da investigación en materia piscícola, que é outro dos obxectivos deste centro ictioxénico.

As melloras que se realizan na Piscifactoría do Carballiño están enmarcadas no programa de posta en marcha do Plan de Rehabilitación dos Ríos, anunciado a pasada semana polo conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Manuel Vázquez, no Parlamento de Galicia.

A piscifactoría de O Carballiño, pertencente á Xunta de Galicia, foi construída a finais dos anos 50 polo Servizo Nacional de Caza e Pesca Fluvial en colaboración co Concello desta localidade ourensá, que aportou os terreos necesarios. É o único centro público destas características en Galicia que se dedicará á troitas, xa que as outras dúas existentes son de cría de salmón. As previsións son que, unha vez en marcha, saían destas instalacións 800.000 troitas ao ano.

Desde a data da súa inauguración, as instalacións apenas foron modificadas, chegando nos últimos anos a manifestarse a urxente necesidade de abordar obras de modernización consorte cos avances cietífico-técnicos xurdidos no ámbito da acuicultura.

Coincidido no tempo coa necesidade de modernización, o 5 de xuño do pasado ano asinouse un acordo coa empresa Aquagest no que esta se comprometía a indemnizar á Xunta de Galicia con 300.000 euros polos danos ocasionados por un vertido da planta potabilizadora que xestiona a citada empresa.

O importe total da indemnización destinouse ás obras de modernización, amais de ser destinados tamén recursos propios da Consellería para a adquisición de diversos materiais.

Estas obras están en fase de execución, estando previsto o remate para finais do presente ano.

Logo do remate das obras, a piscifactoría disporá dunha zona de cultivo totalmente moderna, con novas captacións de auga, balsas e decantación, filtros e maquinaria auxiliar de cultivo renovado. Sen incremento da captación de auga, mellorarase o ciclo de cultivo tanto en cantidade como en calidade. Asi mesmo, reducirase o impacto das instalacións no medio.

Non obstante ao anterior, as instalacións manterán a súa configuración orixinal e mesmo conservarán gran parte das antigas instalacións de cultivo. Deste xeito preténdese, por unha parte, non alterar substancialmente o espacio que ocupa a piscifactoría e ampliar a función didáctica con novos aspectos, de tal xeito que se poderá contemplar nun mesmo espazo a evolución tecnolóxica da acuicultura entre os anos 60 e a actualidade.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible da Xunta de Galicia