Skip to main content

O presidente da Xunta afirma que o Goberno luso non abandona nin renuncia á realización do tramo do Ave Porto-Vigo

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, informou en Lugo que se puxo en contacto co ministro de Obras Públicas, Transportes e Comunicación de Portugal, Mario Lino, a raíz da información publicada sobre o hipotético abandono do Goberno portugués da construcción do trazado do AVE entre Porto e Vigo. O xefe do Executivo galego anunciou que o ministro portugués lle comunicou formalmente que “por parte do goberno luso non se renuncia, nin abandona” o proxecto. Mario Lino confirmou ao presidente da Xunta que a realización do tramo do AVE entre Porto e Vigo segue a ser unha actuación prioritaria para o Executivo portugués, xunto coa realización dos tramos Lisboa-Madrid e Lisboa-Porto.

Emilio Pérez Touriño indicou que, na súa conversación co ministro de Obras Públicas de Portugal, lle manifestou a súa preocupación respecto da realización desta infraestrutura e fixo fincapé na importante estratéxica que para Galicia ten a realización do devandito tramo, tanto dende o punto de vista do desenvolvemento de Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como desde a perspectiva do desenvolvemento social e crecemento xeral que ámbolos dous países perseguen.

O máximo mandatario galego foi informado polo ministro luso de que o Goberno portugués está a elaborar un programa de infraestructuras que será presentado de forma inmediata, xa no mes de novembro, e que será motivo de análise no Cumio Hispano Portugués, que se celebrará na cidade de Évora os días 18 e 19 de novembro.

Emilio Pérez Touriño recibiu do ministro portugués datos sobre a situación económica e financeira á que ten que facer fronte o goberno portugués, así como sobre a paralización das obras do AVE durante o mandato do anterior goberno conservador e a existencia dun déficit público do 7%.

O titular da Xunta explicou que esta situación obriga ao executivo luso á elaboración dun plan de axuste e saneamento na liña do marcado polas directrices europeas. Como consecuencia deste programa existirá un novo calendario de actuacións sobre o inicialmente previsto en canto aos tres tramos do AVE.

O presidente aclarou que, segundo o ministro portugués, haberá unha reprogramación das actuacións respecto do AVE, pero nunca un abandono do proxecto, posto que é consciente da súa importancia.

Emilio Pérez Touriño realizou esta mañá a súa primeira visita institucional a Lugo, onde foi recibido polo alcalde da cidade, José López Orozco e a corporación municipal, así como polos tres conselleiros lucenses (Laura Sánchez, Ricardo Varela e Fernando Blanco). Posteriormente firmou no Libro de Ouro do Concello e mantivo unha reunión cos membros do Consello Económico Social.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia